Por Galicia Confidencial | Padrón | 23/01/2025 | Actualizada ás 10:21
O plenario da Fundación Rosalía de Castro elixiu na noitiña deste mércores a Anxo Angueira Viturro como presidente desta institución durante catro anos máis. O profesor da Universidade de Vigo foi elixido por unanimidade nun proceso no que era o único candidato.
Canda el, forman parte da candidatura que resultou gañadora Ana Blanco como vicepresidenta; Xosé Carlos Beiró como secretario; Xosé García Lapido como tesoureiro; e como vogais Xosé Luís Axeitos, María López Sández e Chus Pato. Anxo Angueira amosouse satisfeito pola súa renovación e ilusionado cos novos retos que a Fundación ten por diante: “Logo de renovar a Casa-Museo, o Auditorio e o Xardín, ademais de dinamizar a programación e modernizar o funcionamento da Fundación, o noso obxectivo dos vindeiros anos é potenciar a internacionalización da figura de Rosalía e acometer a reforma do antigo Centro de Estudos Rosalianos que está en situación de colapso”.
Anxo Angueira foi elixido presidente desta entidade en 2012. Desde entón as visitas á Casa-Museo incrementáronse notablemente, pasando de 8.655 a a unha media de 20.000 nos últimos anos. Asemade, a Fundación pasou dunha taxa de autofinanciamento do 20% en 2012 a un 60% en 2024, cifra considerable na nosa contorna cultural.
Alén destes datos, a Casa de Rosalía incrementou exponencialmente os proxectos e actividades desde 2012. Ademais da desexada reforma do interior da Casa e da súa renovada musealización, catalogouse e dixitalizouse todo o fondo documental e acondicionouse unha sala para o arquivo, que xa está a disposición dos investigadores; dinamizouse a súa presenza na web e nas redes sociais e incrementouse o seu patrimonio coa chegada de novos obxectos, artísticos, como o cadro de Brocos e diferentes pezas de Ovidio Murguía.
Anxo Angueira Viturro (Manselle, Dodro, 1961) é membro numerario da Real Academia Galega desde 2024 e doutor en Filoloxía Galega e profesor da Universidade de Vigo. No ámbito da creación literaria publicou obras poéticas e narrativas: Val de Ramirás (1989), O valo de Manselle (Xerais, 1996), Bágoas de facer illas (Xerais, 1997), Libro da Vertixe (1997), Pensa nao (Premio Xerais de Novela 1999), Terra de Iria. Viaxe ó país de Rosalía de Castro (2002), A morte de A. (Xerais, 2003), Fóra do sagrado (Xerais, 2007), Iria (2012) e Palmeiras, piueiros (2022).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.