Por Galicia Confidencial | Cee | 16/03/2016 | Actualizada ás 11:32
A agrupación socialista da Costa Atlántica (Costa da Morte), integrada por nove agrupacións locais, pediulle ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, a convocatoria urxente dun novo congreso nacional, ante a “carencia dun proxecto político definido e recoñecible” polos galegos e a falla de liderato dentro deste partido.
O acordo foi respaldado polos cinco alcaldes de Camariñas, Muxía, Dumbría, Fisterra e Corcubión, a deputada autonómica Marisol Soneira e o deputado provincial José Manuel Pequeño, así como polos portavoces municipais e os secretarios xerais das agrupacións municipais da comarca.
Nun comunicado, estes cargos socialistas cren conveniente que se elixa unha nova dirección que acometa “a tarefa urxente” de dotar á organización dun proxecto político “novo e recoñecible” pola cidadanía, co que concorrer as eleccións autonómicas próximas, e convoque o proceso de primarias para elixir ao candidato ou candidata á presidencia da Xunta de Galicia que o encabece.
Esta agrupación é a primeira en facer pública unha opinión dentro do PSdeG, logo de que tamén este martes a corrente en Positivo pedira a celebración urxente de primarias. Estos cargos institucionais da Costa da Morte amosan a súa “preocupación” pola situación actual do PSdeG, tras a nova imputación do seu secretario xeral.
Ademais, critican a “carencia dun proxecto político definido e recoñecible polos galegos e as galegas” e “carencia de obxectivos políticos e estratéxicos identificables e compartidos polo conxunto do Partido, que permita a presencia do PSdeG nos foros de debate e na creación de opinión pública”.
Por outra banda, suliñan neste comunicado o negativo que resulta non ter candidato nun período en que poden ser convocadas as eleccións autonómicas en calquera momento e tamén pola “situación extremadamente vulnerable” dos máximos órganos desta formación ante a situación xudicial en que se atopa o seu secretario xeral “que condiciona negativamente ao conxunto da organización”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.