Convocadas protestas en varios concellos este domingo pra denunciar o "espolio enerxético" da Xunta

"Eólica Así non" demandará unha nova planificación real, con obxectivos sociais e ambientais e non en función dos intereses das enerxéticas.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 03/02/2025 | Actualizada ás 10:53

Comparte esta noticia

A Coordinadora "Eólica Así Non" traslada para este domingo, 9 de febreiro, as mobilizacións polo Día Mundial da Enerxía Limpa, que tivo que suspender o pasado 26 de xaneiro por mor do temporal. 

Concentración da plataforma 'Eólica Así Non' fronte ao Parlamento
Concentración da plataforma 'Eólica Así Non' fronte ao Parlamento

"A coordinadora fai un novo chamado á sociedade para denunciar o modelo de espolio enerxético que promove a Xunta de Galiza", indica nun comunicado. Así, sinala que o modelo eólico da Xunta non ten en conta os intereses da poboación e ten como principal obxectivo "beneficiar o capital, á costa de xerar graves impactos medioambientais e expulsar ás comunidades de afectados/as e a cidadanía en xeral da toma de decisións!,

A Coordinadora denuncia, ademais, a falta de respecto polas decisións xudiciais que demostra a Xunta de Galicia coa aprobación das últimas reformas legais. "Teñen como obxectivo dificultar que a poboación se poida defender, tanto no eido administrativo como xudicial, diante destes proxectos agresivos e depredadores do territorio, destinando recursos públicos para exercer violencia institucional contra as comunidades veciñais afectadas", engade.

Son, din, comunidades que sofren un continuo acoso administrativo a través da sobresaturación de proxectos, da desregulamentación e da xeración de inseguridade xurídica, difamando e criminalizando a protesta social.  Por iso, Eólica Así Non! aposta por unha nova planificación eólica real, que ordene a explotación desta enerxía no territorio, con obxectivos sociais e ambientais, que faga partícipe ao pobo galego e non se desenvolva en función dos intereses das grandes multinacionais enerxéticas.

As distintas mobilizacións convocadas terán lugar en diversos concellos galegos:

Cartelle. Concentración na Alameda, ás 12h

Val do Dubra. Concentración diante do Concello de Bembibre, ás 12h

Mazaricos. Andaina ata o Castelo de Bradufe. Saída do Alto da Ruña ás 12h

Ortigueira. Andaina a Pena Ouseira. Saída no Bar A Rodela, ás 11h

Morrazo. Concentración diante do Concello de Marín, ás 12:30h

Pontevedra. Concentración na Praza da Peregrina, ás 11h

Campo Lameiro. Andaina. Saída na Escola de Couso, ás 16h

Sarria. Concentración no Cruce de Catro Camiños coa R/ da Liberdade, ás 12h

Lugo. Concentración diante do concello de Lugo ás 12h. Saída en manifestación ata o Multiusos da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta