De onde saen as acusacións de corrupción da Deputación de Lugo?

O goberno provincial nega que exista “caixa B", viaxes pagas ou uso indebido do fondo social da Deputación. Acusa ao anterior goberno de Cacharo de ser o responsable de moitos dos gastos superfluos. O PP pídelle que dea explicacións sobre a suposta “caixa B”.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 18/03/2016 | Actualizada ás 08:46

Comparte esta noticia

Cales son os os delitos de suborno, prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás Administracións públicas, fraude de subvencións e delito continuado de malversación de caudais públicos que a xuíza Pilar de Lara lle atribúe ao secretario xeral e ex presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, dentro da Operación Pulpo?.

Francisco Cacharro, ex presidente da deputación provincial de Lugo, con José Ramón Besteiro
Francisco Cacharro, ex presidente da deputación provincial de Lugo, con José Ramón Besteiro | Fonte: deputacionlugo.org

O portavoz do grupo provincial do PSdeG, Álvaro Santos, tentou este xoves explicar de onde saen estas acusacións. Así, fixo referencia as viaxes pagas con cargo a esa partida que figuran no sumario, a lugares como Ámsterdam, Eurodisney ou a India, e suliñou que foron aprobados polo goberno do Partido Popular na época do falecido Francisco Cacharro Pardo como presidente.

Insistiu en que, desde 2006, non se realizou ningunha viaxe deste tipo", polo que "se a Xustiza dubida da legalidade" dos mesmos, debería preguntar "a quen os aprobou e mesmo gozou", porque resulta "incongruente" que se investigue" a quen os suprimiu. “Non hai nin un só político que se beneficiou das axudas que aparecen recollidas no fondo social, porque é só para traballadores desta casa", indicou.

Sobre a viaxe a Arxentina que realizou o expresidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, no ano 2008, e que a propia xuíza pon en cuestión por ser sufragado con cargo aos fondos do KM0, Santos dixo que  foi "unha viaxe institucional" para "promocionar a provincia de Lugo" e a súa "imaxe", enmarcado "dentro do KM0" que ten "esa mesma finalidade".

“É unha viaxe como moitos que fixo o presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, e que ninguén puxo en dúbida, un desprazamento que, pola data na que foi realizado, nin sequera tiña visos de electoralista", indicou.

En canto ao escándalo que provocou a difusión de que con cargo ao fondo social se financiou a colocación dun diu, aclarou que se lle concedeu unha axuda do fondo social a unha "persoa que sufrira un legrado e máis tarde diagnosticóuselle un tumor", de forma que se lle prescribiu a súa colocación para regular "o nivel hormonal". Por iso, criticou "o nulo rigor, a falta de escrúpulos e o tacto" á hora de abordar este tema e lembrou, en todo caso, que as axudas do fondo social están fiscalizadas polo propio Ministerio de Facenda.

En canto ás dúbidas sementadas sobre o funcionamento do programa de visitas guiadas KM0, lembrou que contribuía ao mantemento duns 3.000 postos de traballo na provincia e estaba sometido "a rigorosos controis" por parte do os propios órganos de control da Deputación de Lugo, pero tamén ás auditorías externas do Ministerio de Administracións Públicas, porque estaba financiado con fondos europeos.

O PP e o diñeiro en B

Pola súa banda, o grupo provincial do Partido Popular preguntará no próximo pleno da Deputación de Lugo pola existencia dunha suposta "contabilidade B" na institución, así como polo manexo dunha presunta "lista negra" por parte do goberno bipartito de funcionarios afíns aos populares.

"Creo que no século XXI non pode haber en ningunha administración que se prece ningunha lista negra, que eran propias do muro de Aceiro", dixo o viceportavoz do grupo popular, Carlos Armesto. “Terán que pedirlle desculpas a eses funcionarios, que teñen dereito a saber por que se estaba utilizando o seu nome en función de que puideran ter ou non unha identificación política", dixo.

Iso é absolutamente mentira", respostoulle Santos que precisou que o computador ao que fai referencia a xuíza nun auto é un equipo "do departamento de Comunicación" da institución provincial, no que, efectivamente,  hai "datos", porque "é o que traslada de face ao exterior a información do que pasa na Deputación".

"Creo que non é tan sospeitoso que o gabinete de comunicación teña datos dun contrato, de canto costa, de que obxectivos ten", engadiu, porque para contarllo aos propios medios de comunicación "ten que coñecelo". "Outra cousa é deslizar que é unha contabilidade irregular", dixo Santos, quen insistiu en que "son datos da contabilidade da Deputación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta