Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2025 | Actualizada ás 15:05
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, que "sexa consecuente" co proxecto de Altri e que apoie a aqueles que cumpran a normativa. Nesta liña, Aagesen advertiu este xoves de que o proxecto de Altri en Palas de Rei terá que cumprir "co criterio DNSH ou principio de non dano significativo ao medio ambiente" para recibir calquera tipo de axuda pública procedente do seu departamento. Deste xeito, o titular do Executivo galego lembrou que, precisamente con ese obxectivo, aplícanse os controis e os axustes necesarios que se lle indican a "calquera proxecto industrial" que quere instalarse, neste caso, en Galicia.
"Calquera industria que cumpra coa normativa ambiental, é dicir, que sexa compatible a súa actividade coa preservación do medio ambiente, será autorizada. A ministra di o mesmo que dicimos nós e, por tanto, espero que sexa consecuente con calquera proxecto industrial que lle chegue de Galicia e que pida financiamento", aseverou. Con todo, fixo fincapé en que co obxectivo de saber se un proxecto cumpre ou non a normativa, recórrese a controis e informes técnicos. Polo que aproveitou para "transmitir a súa total tranquilidade" á ministra e para pedirlle que "sexa consecuente co que está a dicir e que aqueles que cumpran sexan apoiados".
VÁZQUEZ CRITICA A AAGESEN
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, cualificado de "desvergoña" que a ministra de Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, "non a reciba" para tratar o "problema do lobo" en Galicia. Todo iso, despois de que Vázquez enviase, en decembro, unha carta á Ministra e recibise a contestación nas últimas horas. "Ela non me vai a recibir persoalmente, derívame ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, que me parece unha desvergoña co problema que ten Galicia co lobo", criticou a conselleira este venres durante unha visita a unha explotación gandeira do municipio lucense de Sarria.
Alí, a conselleira instou ao Goberno central a revisar o nivel de protección do lobo, incluído na lista de especies silvestres en réxime de protección oficial, para garantir o equilibrio entre esta especie e o sector gandeiro. Desta forma, insistiu en adaptar o nivel de protección da especie á realidade de cada territorio e lembrou que en 2024 producíronse 3.200 mortes de reses por ataques de lobo o que supón, en palabras de Vázquez, "unha media de nove mortes ao día".
O PSDEG PREGUNTA AO PP "QUE TEN PROMETIDO" A ALTRI
Así mesmo, o PSdeG e o PPdeG cruzaron reproches sobre o proxecto de Altri en senllas comparecencias en rolda de prensa no Parlamento dos seus deputados este venres. Por unha banda, Lara Méndez (PSdeG) preguntou "que ten prometido o Partido Popular a esta empresa", pois cre que "quedan moitas incógnitas e moitas preguntas por contestar". Nesta liña, a deputada socialista cuestiona a "viabilidade" dun proxecto que solicita axudas por un 25 % pola totalidade do orzamento, 250 millóns de euros. "Sempre dixemos que o PP tiña que dar explicacións e falar", pero "está a optar pola calada por resposta", reprocha. Acusa aos populares de estar "a manipular" con declaracións "malintencionadas" sen dicir as "respostas que teñen que ser claras".
Pola súa banda, o portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos Couñago, mostrou a "dúbida razoable" sobre se o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, "está convencido ou se está a convencer" acerca de que non haberá axudas do Estado ao proxecto de Altri. Sinala que "hai un cambio significativo de postura tanto no PSdeG e BNG antes e despois das eleccións" sobre esta fábrica, pois antes dos comicios apoiaban "de maneira clara" e "contundente" a súa instalación, pero "meses despois da súa derrota electora decidiron cambiar totalmente este posicionamento". "Deberían explicarlle aos galegos por que", sostén.
Pazos Couñago asevera que "non hai motivos para esta oposición" e pide "coherencia" a Besteiro, pois ve "preocupante" que "persoas que se postularon como candidatos" á Xunta "estean a traballar denodadamente para prexudicar a Galicia na asignación de fondos europeos", "proxectos tractores que todos" compartían. "Mágoa que non estean a altura das súas responsabilidades", recrimina. Finaliza o popular con que se analizará con "obxectividade" o proxecto, polo que "se Altri cumpre, será unha moi boa noticia a súa instalación"; mentres que "se non cumpre, non poderá instalarse".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.