Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/02/2025 | Actualizada ás 17:20
O Balance de Criminalidade de 2024, feito público polo Ministerio do Interior, revela que unha cuarta parte dos delitos cometidos en Galicia tivo relación coa ciberdelincuencia. Malia este incremento, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou que a comunidade autónoma se mantén como a terceira máis segura de España, cunha taxa de criminalidade de 35,3 delitos por cada 1.000 habitantes, moi por debaixo da media nacional de 50,6.
Segundo os datos publicados, o número total de infraccións penais rexistradas en Galicia en 2024 foi de 95.405, o que supón un lixeiro incremento do 0,5% respecto ao ano anterior. Con todo, BLanco puxo en valor o aumento da eficacia policial, xa que a taxa de esclarecemento de delitos acadou un 43,1%, a cifra máis alta dende 2016.
O delegado do Goberno subliñou o labor dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, especialmente na resolución de delitos contra a liberdade sexual, onde a taxa de esclarecemento acadou o 90% dos casos.
Por outra banda, a ciberdelincuencia incrementouse nun 10% no último ano, chegando a representar o 25% do total de infraccións penais en Galicia. De feito, Blanco indicou que, sen os ciberdelitos, a criminalidade na comunidade descendería nun 2%.
O informe tamén advirte dun crecemento dos delitos en liña que non son estritamente estafas, como suplantacións de identidade, extorsións e outros tipos de fraudes tecnolóxicos, que aumentaron case un 20% en 2024.
Ante esta situación, Pedro Blanco instou á cidadanía a extremar as precaucións no uso das novas tecnoloxías e anunciou que as forzas de seguridade seguirán potenciando as súas actuacións para frear este tipo de criminalidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.