Un grupo chinés impulsa o primeiro almacén de enerxía con baterías de Galicia

A infraestrutura comezará a funcionar en Sanxenxo este verán

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2025 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

O primeiro almacén de electricidade con baterías de Galicia, impulsado polo grupo chinés 'Sungrow', empezará a funcionar este mes de agosto no polígono de Nantes, en Sanxenxo. Trátase dun proxecto no que se investirán 6,5 millóns de euros e que permitirá producir 20 MW/hora, "suficientes para fornecer electricidade a 2.500 vivendas".

Nunha nota de prensa, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra detallou que este proxecto conta cunha axuda do Goberno de 1,6 millóns de euros a través do PERTE de Enerxías renovables, hidróxeno verde e almacenamento.

Deste xeito, explicou que o almacén estará situado nunha parcela de 3.101 metros cadrados e contará con catro módulos preinstalados en colectores especiais. Ademais, incidiu en que o proxecto, denominado oficialmente 'Bess Sanxenxo, constitúe o primeiro almacenamento en baterías de toda Galicia e un dos primeiros de España

Así, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, aplaudiu a "intelixencia e o carácter pioneiro" desta aposta e subliñou que este tipo de almacéns son "un segundo paso no despregamento das enerxías renovables en España".

"Esta estabilización do mercado ten varios efectos positivos, primeiro sobre o propio prezo medio da enerxía, co que se benefician os consumidores e, en segundo lugar, sobre as estratexias investidoras e de produción das propias empresas", destacou.

Neste contexto, o CEO de 'Sungrow' para España e Portugal, Daniel Sánchez, e o responsable de Desenvolvemento de Proxectos, José Ramón Rivas, acudiron este martes ata a Subdelegación do Goberno, onde anunciaron que o almacén estará listo para entrar en servizo en torno ao próximo mes de agosto, cando superase todos os trámites ambientais.

Con todo, a Subdelegación lembrou que na convocatoria deste PERTE tamén foi aprobado outro proxecto, neste caso en Lugo, "cun formato distinto e destinado ao almacenamento da rede de calor".

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.. SUBDELEGACIÓN GOBERNO EN PONTEVEDRA
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.. SUBDELEGACIÓN GOBERNO EN PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta