Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2025 | Actualizada ás 19:34
O BNG quedouse só este martes no Parlamento galego na votación dunha moción para rexeitar o acordo alcanzado en decembro entre Mercosur e a Unión Europea, que vai traer "graves repercusións" ao sector agrogandeiro galego coa redución de aranceis.
A maioría absoluta do PP tombou este texto co seu voto en contra, mentres que o PSdeG e o representante de Democracia Ourensana, Armando Ojea, optaron pola abstención.
O encargado de defender o texto foi o deputado do BNG Secundino Fernández, quen advertiu dos "resultados catastróficos" que terá este "nefasto acordo para toda a poboación europea", especialmente para o sector agrogandeiro. Neste contexto, os nacionalistas pedían que o Parlamento galego instase á Xunta a oporse a este convenio e a transmitir a súa postura ao Estado español e á Unión Europea.
Por parte do PSdeG, Lara Méndez non foi especialmente crítica co acordo con Mercosur, senón que destacou as "oportunidades" do "mercado común" que se abrirá para "máis de 700 millóns de persoas".
Méndez negou que non vaia a haber "ningún tipo de control" sobre os produtos importados en Europa e explicou que a redución de aranceis será "dentro de certo volume e nunha cota" que supón "menos do 1 por cento" do volume de consumo na UE. Por tanto, a socialista cre que terá unha "influencia limitada".
En termos parecidos pronunciouse o popular Miguel Ángel Viso, quen saudou que o acordo con Mercosur permite "liberalizar o mercado e favorecer o comercio multisectorial". Aínda que o deputado do PP recoñeceu que os agricultores e gandeiros galegos poden ter "preocupacións lexítimas", reivindicou que a Xunta non vai permitir que "compitan en desigualdade de condicións".
Viso prometeu que a Consellería do Medio Rural avoga por aprobar cláusulas espello --que garantirían a reciprocidade nas normas sanitarias e de consumo dos produtos-- e que porá "medidas de control estritas", sobre todo das condicións de saúde animal e vexetal das importacións.
En todo caso, o popular lembrou que se negociaron unhas cláusulas de salvagarda no acordo que permiten limitalo se causa "grave dano" ao mercado europeo.
MOCIÓN SOBRE O SECTOR LÁCTEO
Tamén foi rexeitada este martes outra moción, do Grupo Socialista que solicitaba unha "interlocución periódica" do Goberno autonómico co sector lácteo, así como a posta en marcha de "todas" as ferramentas inspectoras para evitar que os produtores vendan a perdas.
Neste sentido, Lara Méndez propuxo que se cre un "mediador" dependente da Administración que vixíe os acordos entre gandeiros e industrias. Aínda que nesta ocasión toda a oposición (BNG, PSdeG e DO) votou a favor, o PP tombou a iniciativa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.