Por E.P. | Ferrol | 13/02/2025 | Actualizada ás 18:15
Os traballadores do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) convocaron tres xornadas de folga en protesta por "a excesiva carga de traballo" que denuncian que lles impón Serveo, empresa adxudicataria.
Os paros desenvolveranse entre o luns día 17 e o mércores 19 de febreiro e afectarán o Hospital Arquitecto Marcide, Hospital Naval e Hospital Profesor Nova Santas, segundo anunciaron en rolda de prensa este xoves en Ferrol unha representación dos traballadores encabezada por Marco del Río, integrante de CIC-Servizos na cidade naval.
"Esta folga está motivada pola excesiva carga de traballo que veñen padecendo o persoal do servizo de limpeza nos últimos anos", aseverou del Río, que alertou que o último contrato engade "3.000 metros cadrados máis" de cobertura mentres "se reduciron as horas de presenza".
A convocatoria chega despois dunha fase de "mobilizacións" e contactos coa empresa "que non fixeron efecto" polo que a "única alternativa" é "ir á folga" para demandar unha ampliación do persoal que permita "reducir a carga de traballo".
REUNIÓNS
O representante da CIG engadiu que a xerencia da área sanitaria trasladoulles que existe vontade de "acordo" pero a empresa mantén unha postura de "inmobilismo". "Ofrécennos cero traballadores e non nos din nada", engadiu.
Del Río asegurou que a dirección da empresa "reduce o número de traballadores" a través da redución das fruecuencias de limpeza que denominan de "medio ou baixo risco, para levar estas unidades de traballo a outros sitios que van abrindo".
"Eses 3.000 novos metros complétanse con unidades de traballo que antes se limpaban todos os días, agora límpanse unha vez á semana", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.