Santiago emprende a loita contra a planta invasora 'tradescantia', máis coñecida como orella de gato

O Concello de Santiago puxo en marcha unha campaña para a eliminación da 'tradescantia', que se estende pola zona onde está previsto que se desenvolva o proxecto Ecobosque.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2025 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago puxo en marcha unha campaña para a eliminación da 'tradescantia', unha planta invasora que se estende pola zona onde está previsto que se desenvolva o proxecto Ecobosque. Trátase dunha especie invasora orixinaria de Sudamérica que, tal e como detallou este luns en rolda de prensa a edil María Rozas, despraza a vexetación autóctona e afecta á diversidade local. Ademais, con esta campaña pretenden mobilizar e implicar ao conxunto da comunidade: organizacións ecoloxistas, centros educativos e veciños que teñan interese en participar nela.

A campaña vaise desenvolver durante esta semana e xa confirmaron a súa participación máis de 600 persoas de diferentes colectivos. Tamén van participar a SD Compostela e o Obradoiro CAB, aos que Rozas agradeceu o seu "traballo e dispoñibilidade" para dar visibilidade a esta acción. O coordinador do equipo de execución do proxecto do Ecobosque, Darío Pérez, explicou que o arrincado debe facerse de maneira manual e progresiva. Así, detallou que non se debe entrar e pisar toda a zona, senón que, a partir dunhas áreas que xa están balizadas, iranse arrincando os brotes con orde.

Posteriormente, sinalou que se fará un tratamento nesa zona e aplicaranse diferentes propostas de "revexetación" para impedir que siga expandíndose esta planta que, insistiu, "ten un potencial invasor moi elevado". A retirada realizarase todos os días desta semana, ata o sábado, e calquera persoa pode unirse no horario que mellor lle conveña: polas mañás de 10.00 a 13.00 horas; e polas tardes de 15.00 a 18.00 horas. Pódese confirmar a asistencia a través do correo electrónico bosque@santigodecompostela.gal no teléfono 981 54 30 60.

Campaña de retirada de 'Tradescantia'.. CONCELLO DE SANTIAGO
Campaña de retirada de 'Tradescantia'.. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta