Por Galicia Confidencial | Santiago | 29/03/2016 | Actualizada ás 10:30
Membros do Grupo de Innovación Docente en Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (MIKROBIOS), coordinado polo profesor Jesús López Romalde, participan xunto con outros 27 docentes e investigadores de 20 universidades e centros de investigación no primeiro curso mundial en liña gratuíto vía Twitter sobre microbioloxía. A iniciativa está coordinada e organizada polo grupo de Docencia e Difusión da Microbioloxía da Sociedade Española de Microbioloxía (SEM), sendo a primeira sociedade científica do mundo que organiza un curso a través desta rede social.
Cunha linguaxe sinxela, divulgativa e moi visual, o obxectivo é difundir conceptos e nocións básicas sobre microbioloxía a estudantes de bacharelato, profesores de secundaria, universitarios, profesionais das ciencias, xornalistas científicos e público en xeral. As “clases” compoñeranse de 30-40 chíos con contidos, webs, links, novas, imaxes ou vídeos sobre cuestións científicas relacionadas coa microbioloxía, dunha duración de arredor de 30 minutos que se enviarán a unha hora e día da semana concretos. Cada día tratarase un tema distinto, desde que é un virus ata a malaria ou a resistencia aos antibióticos.
En conxunto constitúe todo un curso en liña masivo gratuíto (MOOC) que poderá seguir en Twitter calquera persoa a partir do 5 de abril, e até o 2 de xuño, accedendo dende a etiqueta #microMOOCSEM. As “clases” enviaranse a través da conta de Twitter da SEM @SEMicrobiologia e quedarán logo recollidas na dirección de internet https://storify.com/microMOOCSEM.
Ademais da USC, participan nesta innovadora experiencia as universidades de Barcelona, Navarra, Alacante, Cantabria, Complutense de Madrid, Miguel Hernández, País Vasco, Granada, Málaga, León, Valencia, Sevilla, Zaragoza e Autónoma de Barcelona, e o Instituto Español de Oceanografía, o Centro Superior de Investigación en Saúde Pública-Fundación FISABIO, o Hospital Doce de Octubre-CNIO, o Centro Nacional de Microbioloxía e o Massachusetts General Hospital de Boston (EE.UU.).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.