Por Galicia Confidencial | As Pontes | 31/03/2016 | Actualizada ás 09:00
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, o socialista Valentín González Formoso, suliñou este mércores que o PSOE "debería analizar con profundidade os asuntos" e "non ser tan superficiais" por pactar con Ciudadanos que unha persoa imputada por corrupción política deixe a súa acta ou, se non o fai, sexa expulsada do partido.
“Eu penso que unha imputación non inhabilita para exercer unha labor políticia”, dixo González logo de coñecer que nos Xulgados de Ferrol foi arquivada a causa na que estaba a ser investigado pola presunta comisión dun delito de prevaricación como alcalde do Concello das Pontes.
"Habería que ver cal é o motivo da imputación e por tanto creo que esa chamada á racionalidade, polo ben do país, é fundamental", dixo, no sentido de que os partidos "van conseguir uns equipos absolutamente desimputados, pero se cadra ineficaces".
“Entendo que o meu discurso é difícil de asumir socialmente, pero non quero entrar na comodidade do canon de que se estás imputado xa non vales, e se estás desimputado xa volves valer, algo que non é tan sinxelo", dixo. Por iso, considerou "moi triste" que por unha imputación administrativa se inhabilite a unha persoa para exercer un cargo político.
"É moi triste que simplemente por unha imputación administrativa poida un país perder xente que queira achegar ao futuro do seu país", dixo. Unhas declaracións que chegan uns días despois de que o xa ex secretario xeral do PSdeG, Ramón Gómez Besteiro, dimitira do seu cargo tras estar imputado en dúas en dúas operacións que instrúe a xuíza Pilar de Lara.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.