Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 25/02/2025 | Actualizada ás 20:30
Tamara e Óscar coñecían algo o entroido galego cando vivían en Barcelona, pero foi estando xa en Galicia, no ano 2006, cando empezaron a buscar manifestacións festivas e máscaras por todo o país, ao tempo que recollían información sobre elas. Óscar, que ademais gústalle o debuxo, foi ilustrando todas as máscaras que foron descubrindo.
No 2017 editaron, estando na comunidade das Escolas de Ensino Galego Semente, un libro en formato caderno de campo no que había algo máis de 60 máscaras do ciclo festivo tradicional de inverno. Foi un anticipo á obra que chega agora, “Entruidos e Mascaradas na Galiza”, un traballo que recolle 146 máscaras, máis do dobre que no anterior.
Falamos con Óscar e Tamara.
De onde vos vén a afección polo Entroido?
Eu son fillo da emigración e nacín e crieime en Catalunya mais sempre tiven moita vinculación con Galiza. Estando aínda alí con varios amigos facíamos verdadeiras maratóns para vir catro días e volver en coche, non só pola festa, sobre todo por esa sensación de estar vivindo algo incomparable que forma parte da esencia da nosa identidade. Unha esencia inherente á nosa terra que botábamos de menos vivindo tan lonxe.
Cantos anos levades percorrendo entroidos e cantos tedes vivido?
Pois con Tamara, a miña parella, desde o 2006 comezamos a percorrer entroidos de lugares pequenos, afastados das grandes aglomeracións nos que aínda se pode sentir esa sensación de estar vivindo algo único e importante para a comunidade onde se desenvolve. Agora, coas nosas 3 fillas seguimos a percorrer todos cantos podemos, na Galiza e en Portugal.
"Con Tamara, a miña parella, desde o 2006 comezamos a percorrer entroidos de lugares pequenos, afastados das grandes aglomeracións"
E a idea de documentar todo iso, como xurdiu?
Formamos parte da comunidade das Escolas de Ensino Galego Semente, escolas centradas no noso país e creadas a través do activismo e da autoxestión para garantir a escolarización en galego e a conservación da nosa identidade.
Un dos xeitos de financiar as escolas é crear material interesante, e no seu momento consideramos que podiamos aproveitar todo o vivido para mostrarllo á xente ao tempo que axudábamos ao sustento das escolas.
Ademais da vosa recollida persoal como completades a vosa documentación?
Cada ano hai máis publicacións sobre o tema, tanto en formato tradicional como nas redes sociais e aínda que a maioría dos contidos son froito dos coñecementos conseguidos a través de conversas e experiencias vividas, tamén utilizamos estes formatos para completar a nosa documentación.
Consultastes con antropólogos, historiadores e/ou outro tipo de profesionais?
Si, porque eles son capaces de achegar unha visión máis académica e teórica e aínda que o noso non é un libro de teoría, mais si que nos serven para facer apuntamentos e xeneralidades sobre estas tradicións.
Faládenos do primeiro libro que editou a Semente.
No 2017 editamos un libro en formato caderno de campo no que había algo máis de 60 máscaras do ciclo festivo tradicional de inverno. Acompañábamos as ilustracións cunha breve descrición da súa dinámica, coa súa localización e con propostas de actividades para crianzas.
E anos despois, chega este Entruidos e Mascaradas na Galiza. Moito máis completo e con algunhas máscaras que pouca xente coñecerá. Como foi este segundo traballo e que podemos atopar nel?
Este é un libro completamente diferente ao primeiro en canto a contido e a formato. Quixemos crear a maior guía ilustrada de mascaradas do país nun formato de maior calidade, con tamaño moito maior e tapa dura. Neste libro poderanse descubrir 146 máscaras, máis do dobre que no anterior. Ademais, prescindimos das actividades enfocadas ás crianzas e publicámolas nunha unidade didáctica que se puido conseguir como recompensa durante o financiamento do libro na plataforma Verkami.com. Deste xeito puidemos introducir informacións sobre estas festividades e conformar un libro tanto para crianzas como para adultas/os. Ademais inclúese un mapa para a localización rápida de cada mascarada.
"Quixemos crear a maior guía ilustrada de mascaradas do país nun formato de maior calidade, con tamaño moito maior e tapa dura"
Exitazo do crowfunding para poder financiar a súa edición, verdade?
Si. Recadamos 9000 de 7000 euros previstos para unha tirada de 800 dos que se venderon uns 400 aproximadamente. Ademais, conseguimos chegar a outros países como por exemplo Estados Unidos, México, Holanda, Irlanda e Portugal.
Sabemos que o libro está xa chegando aos colaboradores, mais cando o sacaredes á venda pública?
A comercialización empezou xa. Pódese adquirir nas escolas semente, en couceiro, De Cotío, Pichel e Legumia en Compostela, na libraría Librouro en Vigo, na libraría Paz en Pontevedra e en Ula libraría social en Outes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.