A Xunta reclama 500 millóns máis no Consello de Política Fiscal e Financeira

O Goberno galego insiste na necesidade de revisar o sistema de financiamento autonómico

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2025 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

Xunta de Galicia acode este mércores ao Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) co obxectivo de reclamar unha revisión do sistema de financiamento autonómico que teña en conta os sobrecustos derivados da dispersión poboacional e do envellecemento da poboación galega. O Goberno galego estima que estas circunstancias supoñen un custo adicional de 900 millóns de euros anuais, dos cales só 400 estarían cubertos co actual modelo de financiamento, polo que demanda 500 millóns de euros máis do Estado.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no pleno do Parlamento
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no pleno do Parlamento | Fonte: David Cabezón

Consellería de Facenda lamenta que a orde do día da reunión non inclúa o debate sobre a renovación do sistema de financiamento, pero si a condonación da débeda, unha medida que, segundo o Goberno galego, beneficia especialmente a Cataluña e outras comunidades con maior endebedamento, pero non a Galicia.

"Interesa aos socios de Sánchez, pero non a Galicia, que non ten un problema de débeda porque é unha das comunidades menos endebedadas", sinalan fontes da Xunta. O presidente Alfonso Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, levan semanas pedindo que a reunión aborde a reforma do financiamento autonómico en lugar de medidas que, segundo din, suporían un "aforro mínimo" para Galicia e que cualifican de "negocio ruinoso".

A Xunta recorda que Galicia é unha das comunidades que recibe fondos da bolsa común do Estado, e que renunciar a esta fórmula suporía perder 2.000 millóns de euros anuais. Desde o Goberno autonómico avisan de que un modelo de financiamento como o que se está negociando para Cataluña implicaría unha perda de fondos inasumible para Galicia.

"O que sabemos, trasladado a un modelo galego, suporía recibir de súpeto 2.000 millóns de euros menos. Defender iso non ten nin pés nin cabeza", advertiu Rueda nunha intervención pública a comezos de febreiro.

A Xunta xa trasladou por carta á ministra de Facenda, María Jesús Montero, a necesidade de revisar o sistema de financiamento autonómico para garantir que se teñan en conta os custos reais dos servizos públicos en comunidades con maior dispersión poboacional e envellecemento.

No mesmo sentido, os responsables de Facenda das comunidades gobernadas polo PP esixiron ao Estado unha "proposta integral" para reformar o modelo de financiamento. Critican que ata o momento só se abordara unha parte do debate, centrado na poboación axustada, sen tratar aspectos clave como a actualización das entregas a conta ou o fondo de nivelación transitorio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta