Por Galicia Confidencial | Vigo | 01/04/2016 | Actualizada ás 09:00
Podemos saca músculo en Galicia. No medio da lea interna que hai nesta formación para a elección do futuro secretario xeral do país, a candidata oficial e deputada no Congreso, Ángela Rodríguez, reivindicou este xoves o “papel protagonista" que esta formación tivo e ten para tentar arrebatarlle o poder ao PPdeG en Galicia.
Por iso, foi clara e contundente durante a presentación da súa candidatura. "Non queremos dirixir este proceso, o que queremos é posibilitalo; queremos posibilitar o cambio en Galicia e pensamos que Podemos ten que ter un papel protagonista neste cambio", dixo.
Neste sentido, lembrou as recentes palabras do número dous de Podemos, Íñigo Errejón, no sentido de que os partidos políticos deben de parecerse cada vez máis aos movementos populares. "O reto non é menor porque a situación que temos de urxencia política social é tan grave que non podemos deixar pasar a oportunidade de enfrontarnos a isto", sinalou.
Tamén se referiu a "a xenerosidade" de Pablo Iglesias, de quen dixo que foi quen de “botarse a un lado” para tentar facilitar un goberno de esquerdas no Estado para amosar que Podemos está disposta ao cambio político.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.