“O bon bailarín ten que bailar no cima dunha tega”, Daniel Álvarez, Mázcara

Coñecemos de primeira man con este rapaz de San Martiño as particularidades desta figura central do Fulión do Concello de Manzaneda.

Por X.M. Fernández | Manzaneda | 01/03/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Daniel Álvarez “O Cabra”, é de San Martiño de Manzaneda e afirma ter formado parte do Fulión dende que era un meniño. O seu primeiro traxe púxoo aos sete anos, sendo para el unha sensación de moita ledicia e emoción ao verse  rodeado de xente tocando para el. Tal foi a experiencia vivida que dende aquela non fallou ningún ano.

Daniel Álvarez 'O Cabra'. Foto cedida.
Daniel Álvarez 'O Cabra'. Foto cedida.

Na familia tamén son Mázcara a súa irmá e unha sobriña e cando lle preguntamos por algún referente dinos que a persoa que máis lle ensinou foi un tal “Pepe Pedrés” aínda que tamén nomea a Ubaldo de Requeixo e Ubaldo de San Miguel.

A partir desta pequena introdución pasamos a preguntarlle a Daniel polos detalles que caracterizan esta figura central do Fulión de Manzaneda: a Mázcara.

"A persoa que máis lle ensinou foi un tal “Pepe Pedrés” 

O RITUAL DA DANZA OU BAILE

Daniel Álvarez, bailando. Foto cedida por el.
Daniel Álvarez, bailando. Foto cedida por el.

O primeiro e máis importante, segundo nos di Daniel, é que para bailar hai que estar moi ben fisicamente e ser quen de facelo no espazo que pode representar unha baldosa. De feito, hai un dito que di “o bon bailarín ten que bailar no cima dunha tega”, sendo esta tega unha medida do gran que existía antes e servía para saber a cantidade de cereal que tiña cada un.

En calquera caso, como refire o noso interlocutor, a mellora acádase co tempo e coa práctica, aprendendo e depurando a técnica dun ano para outro.

No que se refire ao ritual do baile este caracterízase polo seu movemento rotatorio co corpo erguido e os brazos cara arriba termando nun deles dunha caxata. Ao mesmo tempo as chocas teñen que soar igual que os bombos non podendo estar uns e outros descompensados. As Mázcaras entran bailando de fronte ou de lado aproximándose aos bombos e/ou a outras Mázcaras ao tempo que dan pequenos botes e xiros cando lles apetece.

Para facernos unha idea da esixencia física que teñen, Daniel explica que nunha ronda --visita a unha aldea para percorrela co Fulión durante varias horas--“pódense perder 2 quilos tranquilamente. Eu mesmo, cando remata o entroido acabo coas pernas duras como pedras e perdo barriga”.

O TRAXE

As persoas que son Mázcaras gardan e conservan o traxe dun ano para outro, se ben fanlle un pequeno mantemento antes do Fulión para telo ben limpo e, se fose o caso, acometer algunha restauración.

O Pucho, unha das partes máis vistosa do traxe e que vai suxeito á cabeza, caracterízase pola súa forma alongada, cónica ou cilíndrica, que incorpora unha estrutura engarzada por cintas brillantes e moi coloridas. Resulta un elemento moi importante, segundo refire “O Cabra” –xa collemos confianza para chamalo polo mote--, porque habendo moita xente no Fulión, este elemento destaca por enriba das cabezas e pode identificarse cada Mázcara. No que respecta ao colorido, este representa a chegada da primavera e cadaquén fai o Pucho ao seu xeito, en xeral hai certa liberdade podendo incluso incorporar nel diferentes motivos como árbores, bonecos, etc. Por debaixo del adóitase poñer unha ‘pañoleta’ para o suor e tamén para que asente mellor.

Na cara hai liberdade para levala descuberta ou para incorporar algunha careta ou antifaz. No fulión de San Martiño, ao que pertence o noso protagonista, aínda se poden ver algunhas Mázcaras con estes complementos. E nas mans un pouco o mesmo, o máis habitual é levar luvas (brancas ou negras) pero hai quen non as pon.

Pasando xa á camisa, esta debe ser branca e chea de lazos grandes moi coloridos que se estenden ao bailar. Por enriba vai unha toquilla a un lado e unha banda ao outro portando ademais un lazo tipo bolboreta no pescozo.

Por baixo un calzón ou malla e por enriba del un pantalón curto, todas as pezas de cor branca, e por diante e detrás dos muslos tamén lazos de cores. Nalgún caso tamén hai quen pon por enriba do pantalón unha braga, pero seica este detalle é “máis moderno, e antes bailábase sen ela”, refire Daniel explicando que este detalle é unha chiscadela á tradición de que os homes lle roubaban a roupa ás mulleres para facer a Lardeira.

Na cintura, outro elemento esencial e característico, as chocas. O ideal é que sexan chocas das cabras, como antigamente que se lle quitaban ás cabras para o Entroido. Por debaixo adóitase levar unhas tiras de bufanda para que non faga dano o cinto que porta as devanditas chocas.

E xa para rematar, as botas ou zapatos negros, calzado que leva por enriba os coñecidos como legues --unha especie de polainas-- e unha caxata.

"Cando remata o entroido acabo coas pernas duras como pedras e perdo barriga”

DE QUE PRESUME MÁIS UNHA MÁZCARA?

“Unha das cousas da que máis se presume como Mázcara é de que as chocas soen ben”, afirma Daniel lembrando que hai que afinalas para que soen todas igual. Non é tarefa doada e explícanos a técnica: “Hai que rebater as chocas, golpealas cun martelo ata que soen todas igual e diferente a cando se mercaron”.

E a outra importantísima é, como non, “bailar ben”. Entre Mázcaras non se critican nin fan observacións gardándose un respecto e non poñéndose pegas, pero a xente fíxase a ver quen baila mellor e tamén é moito de opinar. En palabras de Daniel, “cando es maior dinche ou compárante para que haxa algo de pique... pique san, claro, sen faltarlle a ninguén”.

FULIÓN DE SAN MARTIÑO DE MANZANEDA

Este é ao que pertence ‘O Cabra’ e xa teñen feita unhas 8 rondas empezando xa o primeiro xoves de febreiro. O costume ou tradición é non saír da parroquia agás cando van á vila de Manzaneda para facer algunha excepcional.

Nas rondas dentro da parroquia as comunicacións para saber cando se fan sempre tiveron un compoñente de espontaneidade. Ao sonar a corna, aixadas e bombos a xente íase unindo ao fulión pero pero agora os avisos chegan a través dos grupos de whatsapp. As clásicas rondas son as dos xoves de compadres e de comadres, a do sábado da fariña e o domingo gordo. Pero sempre se fan máis durante o tempo que dura o entroido en Manzaneda, este ano do 31 de xaneiro ao 4 de marzo.

Para rematar, Daniel convídanos a unha ronda que farán o domingo gordo --o día 2 de marzo-- na parroquia de San Martiño. A partir das 16:00 h. percorrerán os lugares da Corredoira, Soutelo, San Martiño, Rozavales e Cimadevila: e os barrios dos Chaos e O Souto.

"Ao sonar a corna, aixadas e bombos a xente íase unindo ao fulión pero pero agora os avisos chegan a través dos grupos de whatsapp"

Daniel Álvarez, Mázcara de San Martiño de Manzaneda. Foto cedida por el.
Daniel Álvarez, Mázcara de San Martiño de Manzaneda. Foto cedida por el.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta