Carlos Grille, o mozo de 18 anos que ensina que a pesca deportiva é compatible coa supervivencia da captura

Este mozo apaixoado pola pesca logrou aos seus 18 anos captar xa a atención de milleiros de seguidores nas redes sociais grazas aos seus consellos, trucos e experiencias persoais. A través da súa conta de Instagram, @fishinggalicia, Carlos comparte os seus coñecementos e o seu amor por este deporte, amosando non só as técnicas máis efectivas, senón tamén a conexión única que se establece entre o pescador e o medio ambiente.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/03/2025 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O da pesca é un mundo que apaixoa a milleiros de persoas en toda Galicia. Cunha costa rica en biodiversidade e unha gran variedade de ríos e encoros, a nosa terra ofrece un escenario privilexiado para os afeccionados a esta disciplina. Dende a pesca en augas salgadas, perseguindo especies como a robaliza ou o sargo, ata a pesca en ríos e encoros, onde destacan a troita e o salmón, Galicia é un verdadeiro paraíso para quenes desfrutan desta práctica. Nos últimos anos, o auxe da pesca con cebos artificiais e o enfoque na captura e solta foron transformando a actividade, promovendo unha maior conciencia ecolóxica e un aproveitamento sustentable dos recusos. Galicia Confidencial fala hoxe con Carlos Grille, un mozo apaixoado desta modalidade de pesca que aos seus 18 anos logrou xa captar a atención de milleiros de seguidores nas redes sociais grazas aos seus consellos, trucos e experiencias persoais. A través da súa conta de Instagram, @fishinggalicia, Carlos comparte os seus coñecementos e o seu amor por este deporte, amosando non só as técnicas máis efectivas, senón tamén a conexión única que se establece entre o pescador e o medio ambiente.

Captura dun dentón por Carlos Grille
Captura dun dentón por Carlos Grille | Fonte: Instagram @fishinggalicia

"O meu interese pola pesca remóntase a cando era moi pequeno", lembra Carlos. A tan temperá idade atopábase paseando polo porto de Muxía un día coma outro calquera cando, segundo conta, "un señor maior que estaba pescando fíxome señas para que me achegara a el e deixoume a cana". Nunca esquecerá ese intre no que sacou da auga o seu primeiro peixe. "Foi un día moi feliz na miña vida, porque pescar un peixe sempre fora un soño que tiña", asegura. De volta na casa, non dubidou nin un segundo en pedirlle á súa nai unha cana para poder seguir practicando a pesca deportiva e "así foi como me fixen coa miña primeira cana".

Como é frecuente, Carlos comezou a súa andadura no mundo da pesca empregando cebo natural, pero confesa que "sempre me resultou un tanto desagradable o ter que empregar cebo vivo", así que non tardou en pasarse ao cebo artificial. "Non controlaba moito do tema, así que fun probando en diferentes lugares, coa dificultade engadida que tiña o meu descoñecemento sobre a práctica", indica. Así, tras varios intentos, a base de proba e erro, por fin chegou o día no que pescou o seu primeiro exemplar con cebo artificial. "Lembro perfectamente que ese primeiro peixe se trataba dunha robaliza, e que a pesquei nun lugar ao que hoxe en día non iría pescar nin de broma, porque xa non hai tantos peixes coma antes --tema que seguidamente tamén abordaremos nesta entrevista--", conta este mozo. Comprobar que realmente podía capturar peixes con cebo artifical supuxo para el "toda unha revolución no mundo da pesca deportiva".

"PRACTICO 'ROCKFISHING', UNHA TÉCNICA DE PESCA QUE EMPREGA EQUIPOS LIXEIROS E CEBOS ARTIFICIAIS PEQUENOS"

Co paso do tempo, Carlos foi mercando algún que outro equipamento de pesca máis caro, xa que "co paso do tempo comecei a especializarme, por así dicilo, nun tipo de pesca en concreto, coñecida como 'rockfishing', unha técnica de pesca xaponesa". Segundo explica, "aos xaponeses gústalles moito tecnificarse, de maneira que practicamente crearon unha técnica para capturar cada tipo de peixe", pero, "sendo realistas, eu non podo permitirme ter tantos equipos para cada especie, así que intento adaptarme á miña zona de pesca e ás especies que teño na miña zona, de aí que practique o 'rockfishing', debido á falta de peixes grandes na miña zona de pesca". Así, sinala que "o 'rockfishing', traducido literalmente, quere dicir 'pesca en rocha', polo que a súa esencia baséase na captura de peixes posicionándose en zonas rochosas da costa, como cantís ou espigóns". "Trátase dunha técnica caracterizada polo emprego de equipos lixeiros na que se usan cebos artificiais moi pequenos", explica Carlos, que a contrapón con outras técnicas que se centran na procura de peixes grandes.

Carlos Grille, administrador da conta de Instagram @fishinggalicia
Carlos Grille, administrador da conta de Instagram @fishinggalicia | Fonte: Instagram @fishinggalicia

Unha das cousas que máis lle gusta a Carlos desta técnica é, precisamente, a variedade de especies que pode capturar, porque "cunha pesca máis pesada só se poderían pescar robalizas ou abadexos, por exemplo, mentres que co 'rockfishing' podes pescar practicamente de todo, debido aos cebos tan pequenos que empregamos e que chaman moito a atención dos peixes". Ademais, outra das vantaxas desta modalidade está en que non se precisa de ir a unha zona concreta para a súa práctica, senón que "pode practicarse tanto no porto como na praia ou no río", todos os ambientes son idóneos e, dependendo do escollido, caerán un tipo de peixes ou outro. Tanto é así que este mozo confesa que xa ten pescado algún que outro exemplar nada común nas nosas aguas.

Así, "o ano pasado, na Coruña, practicando esta pesca lixeira, cheguei a capturar un dentón, unha especie propia de augas máis cálidas que en Galicia non debería haber", o que para el tamén supuxo darse conta "do significativo aumento da temperatura da auga que o cambio climático está a provocar tamén en Galicia". Na súa curta traxectoria como pescador deportivo, dada a súa idade, este mozo xa puido comprobar de primeira man como hai lugares aos que antes ía pescar e que eran de abundante produción, que hoxe están arrasados, non só como consecuencia do cambio climático, senón tamén da man do home. "En Muxía hai unha zona na que ía moito pescar antes e na que agora, no verán, non se pode ir pescar porque os barcos que se adican á pesca profesional botan as nasas e cesan a actividade do peixe", lamenta.

"A MIN NON ME GUSTA O PEIXE, POLO QUE TAMPOUCO TERÍA SENTIDO LEVALO PARA A CASA, PERO ADEMAIS TAMÉN O FAGO POR CONVENCEMENTO ECOLÓXICO"

A pesca, dende logo, non é un hobby apto para todo o mundo, pois, ademais de gustos, tamén depende de certos coñecementos para obter bos resultados. E é que, por exemplo, "independentemente da zona á que vaias pescar hai que buscar os patróns exactos para obter boas capturas". "A min tenme pasado capturar moita cantidade dun tipo de peixe cando estaba a marea baixa e cunha dirección de vento en específico, pero ter pescado outro tipo diferente noutras condicións climáticas, por exemplo, coa marea alta ou outro tipo de vento", confesa, e asegura que "ata a presión atmosférica inflúe nas capturas". Así, esa imaxe de pescador que se levanta a horas intempestivas da madrugada para ir coa cana xa non é tan así na actualidade, pois, "dependendo da zona na que queiras pescar, terás que guiarte por uns patróns ou por outros: nunhas zonas irache mellor pescar con marea alta e noutros con marea baixa, nuns ao amencer e noutros ao atardecer...".

As capturas de Carlos, seguindo os principios da pesca que practica, volven ao mar despois de ser pescadas. "A min non me gusta o peixe, polo que tampouco tería sentido levalo para a casa, pero ademais tamén o fago por convencemento ecolóxico, para que siga habendo peixes no mar", afirma, recoñecendo que "moita xente me pregunta por que fago isto, sobre todo xente maior que está acostumada a levar os peixes que pesca para a casa". Ao respecto, o mozo confesa que "eu non son quen para criticar a ninguén, considero que a xente intenta facer as cousas o mellor que pode, dende o punto de vista ético e moral, e paréceme perfecto que haxa xente que se leve o peixe para a casa, sempre que o fagan con certo sentidiño e respectando o talle mínimo e as capturas por peso e día que están marcadas pola normativa, pero tamén pido que respecten a miña práctica", reivindica.

Aos 14 anos Carlos xa estaba completamente introducido dentro das dinámicas da pesca deportiva e decidiu abrir unha canle de YouTube. Con todo, lembra que "os resultados que obtiven non foron moi bos", de maneira que "comecei a probar con outras redes sociais, chegando ata Instagram, onde, tras estudar un pouquiño o algoritmo e ver que era o que máis lle interesaba á xente, empecei a subir contido que si tivo alcance". A día de hoxe conta con algo máis de 30.000 seguidores nesta rede social, á que asegura que seguirá adicando tempo para crear novos contidos, porque "tanto o da pesca como o das redes sociais son mundos que me encantan". Deste xeito, tamén considera que pode contribuír a manter o relevo xeracional nesta forma de ocio tan nosa, porque "vexo que moita xente moza me contacta pola redes para preguntarme cousas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta