Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/04/2016 | Actualizada ás 11:20
O grupo municipal do PP de Santiago levará ao próximo pleno municipal de Santiago unha iniciativa “que non parte da imaxinación”, segundo o seu voceiro municipal, Agustín Hernández, e que ten como obxectivo suprimir as cabinas telefónicas que se atopan en desuso e mal estado nalgunhas zonas da cidade e cambialas por "puntos de wifi".
“O obxectivo é aproveitar estes puntos para dar un novo servizo implantando un programa piloto en dous ou tres lugares estratéxicos da cidade que permitan ofrecer outros servizos”, dixo nunha rolda de prensa na capital galega este martes.
Entre as opcións que baralla o PP para redefinir as tradicionais cabinas están crear "un punto de conexión wifi, un punto de recarga de dispositivos móbiles, un servizo gratuíto para chamadas de emerxencia" e mesmo para ofrecer información publicitaria e de interese cultural que serviría para "facer fronte aos gastos de mantemento dese punto", engadiu o portavoz.
Hernández defendeu esta proposta ante o “estado lamentable” das cabinas telefónicas que “non deixan de ser unha imaxe negativa" para a cidade. "Non se trata dunha cuestión que xurda da imaxinación deste grupo, é unha cuestión que se está desenvolvendo en cidades importantes do mundo, por exemplo Nova York", dixo. Con todo, a proposta de Hernández choca coa propiedade destas cabinas que é das grandes empresas telefónicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.