Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2025 | Actualizada ás 14:57
O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego reduciuse en 343 persones en febreiro en Galicia en relación co mes anterior (-0,28%), algo por encima da media, ata situar o total en 120.977 desempregados, segundo datos publicados este martes polo Ministerio de Traballo e Economía Social.
En evolución anual, en febreiro deste ano hai 9.606 parados menos en Galicia que no mesmo mes de 2024, o que supón un descenso do 7,36%. Por provincias, o maior descenso intermensual foi o de Pontevedra, con 304 parados menos (-0,65%). Son en total 46.660 desempregados nesta provincia, 3.780 menos que 12 meses atrás (-7,49%).
Na Coruña baixou o paro en 44 persoas, un 0,09%, ata 47.902. Son 4.251 menos que en febreiro de 2024, un 8,15% menos. En Lugo o desemprego reduciuse en 17 persoas (-0,14%), ata 12.004. Desta forma, son 624 parados menos que hai un ano (-4,94%). Pola súa banda, o desemprego subiu en variación mensual en 22 persoas en Ourense, un 0,15%. Son 951 menos, con todo, en relación co mesmo período do exercicio anterior (-6,19%).
SEGURIDADE SOCIAL
A Seguridade Social gañou unha media de 4.858 cotizantes en febreiro en Galicia respecto ao mes anterior (+0,46%), de modo que o total alcanzou o 1.071.948 persoas. En comparación con febreiro de 2023, son 16.930 afiliados á Seguridade Social máis, isto é, un incremento do 1,6% na comunidade galega.
Por réximes, os cotizantes de Galicia distribuíronse entre o xeneral (851.043), autónomos (203.317) e o sector do mar (17.588). No conxunto estatal, a Seguridade Social gañou unha media de 100.340 cotizantes en febreiro respecto ao mes anterior (+0,48%), debido ao incremento da ocupación en hostalaría e educación, que crearon conxuntamente case 60.000 empregos.
XUNTA
Por outra banda, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, valora que os datos publicados este martes reflicten un mercado laboral galego "que segue moi activo, que é dinámico e inclusivo e que busca un emprego de calidade". Así o traslada a Xunta a través dunha nota de prensa, na que indica que González "insiste en valorar as cifras sempre desde o punto de vista da súa evolución a medio e longo prazo".
SINDICATOS
Pola contra, a CIG advirte de que o mercado laboral galego mantén unha tendencia "estancada con precariedade en aumento", mentres UXT valora que os datos do paro "pon de relevo a fortaleza" do mesmo e CC.OO. celebra tamén a "mellora" no emprego.
EMPRESAS
Ademais, Galicia rexistrou a constitución de 404 empresas no mes de febreiro, un 3,3% máis que no mesmo mes de 2024, segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) este martes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.