"Feminazis"???... cando as rapazas e docentes son insultadas por educar en igualdade nos centros escolares

ONGD galega Agareso difunde os resultados dun estudo que recolle que a proliferación de discursos misóxinos e a falta de alternativas educativas para abordalos fan medran a fenda de xénero e as agresións nas aulas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/03/2025 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

Un ano despois de denunciar que os centros de ensino non son lugares "seguros" para as persoas do colectivo LGBTiQ+, a ONGD galega Agareso (Asociación Galega para de Comunicación para o Cambio Social) publica un novo estudo realizado pola comunicadora e docente Lucía Rodríguez Peña coas respostas que ofreceron 396 estudantes e 199 docentes de centros educativos galegos. Este novo Estudo sobre o machismo e a misoxinia entre o alumnado e o profesorado de Secundaria de Galicia cifra nun 80% o alumnado LGBTiQ+, nun 74% os alumnos CIS heterosexuais e nun 71% as alumnas CIS heterosexuais as porcentaxes que denuncian ter sufrido algunha agresión no seu centro de ensino. O 18% do alumnado LGBTIQ+ di, ademais, sufrilas con frecuencia. E un 76% do profesorado admite ter presenciado estas agresións e identifica os rapaces cis hetero como principais agresores.

Dous mozos sosteñen a bandeira LGTBI durante unha manifestación
Dous mozos sosteñen a bandeira LGTBI durante unha manifestación | Fonte: David Oller - Arquivo

A autora explica que a principal conclusión do informe é "a polarización existente entre o alumnado masculino cishetero, por unha banda, e o alumnado feminino e do colectivo LGBTIQ+, por outra". "Obsérvase unha fenda entre o discurso a prol dos dereitos humanos, co que conectan en maior medida as mozas", afirma Lucía R. Peña, "e as opinións disruptivas coas que os mozos cishetero reflicten o seu malestar co feminismo e coa propia idea de desigualdade". "As rapazas que participan nos comités de igualdade dos institutos e as docentes que avogan por aplicar a perspectiva de xénero no seu día a día son tachadas de feminazis", abunda Rodríguez Peña. E algunhas familias manifestan un certo grao dacordo con este clima de confrontación, empregando expresións como “non soporto este feminismo” ou “o feminismo pasouse de voltas”.

Un 62% dos alumnos cishetero que participaron no estudo considera, de feito, que a loita pola igualdade das mulleres é excesiva e que, actualmente, son os homes os discriminados. Unha mostra de como teñen calado entre a xuventude os discursos antidereitos presentes en redes e azuzados polos grupos de ultradereita, é que despois de anos de políticas de igualdade un 30% dos alumnos cis heteosexuais afirma que a violencia non ten xénero, un 27% cre que o feminismo é un movemento en contra dos homes e un 25% identifícao como a loita pola superioridade das mulleres respecto dos homes. Todas estas porcentaxes redúcense enormemente entre as rapazas cishetero e o colectivo LGBTIQ+, chegando nalgún caso a ser residuais.

Analizando as diversas problemáticas sociais, as respostas concordan coa tendencia xeral á polarización entre as opinións de homes cishetero, por unha banda, e mulleres e colectivo LGBTIQ+ por outra. Así, preto do 40% dos rapaces cis hetero identifican como algo negativo a migración, a fortaleza do movemento feminista, o uso da linguaxe inclusiva ou a posibilidade de que as persoas poidan cambiar de sexo. En todos os casos, estas porcentaxes redúcense ata o 20% no colectivo LGBTIQ+ e ao redor do 15% nas rapazas cis hetero.

OS MANDATOS DE XÉNERO

Forte, agresivo, violento, competitivo e cun certo gusto polo risco. Iso é o que significa ser un home para a meirande parte da rapazada consultada neste traballo. "Todas esas características conforman a cara dunha moeda cuxo reverso oculta os rasgos contrarios", explica Lucía R. Peña, "que identifican ás mulleres: fraxilidade, afecto, coidado, responsabilidade ou tenrura". "Ambas caras son excluíntes nunha sociedade machista, porque só se pode estar dun lado da moeda", engade a autora do informe.

A presenza destes estereotipos acentúase ao desagregar os datos polo xénero de quen responde a enquisa. Así, se un 85% do total da mostra identifica a forza cos homes e un 25% coas mulleres, estas porcentaxes escalan ata o 92% e o 17%, respectivamente, cando separamos as respostas ofrecidas polos rapaces cis heterosexuais. Igualmente, se nos fixamos nas respostas ofrecidas polas rapazas heterosexuais, a súa percepción do mandato de xénero imposto ás mulleres é tamén máis pronunciada que a do conxunto da mostra. Esta fenda é especialmente pronunciada no relativo á amabilidade (o 84% das rapazas considéraa unha característica especialmente feminina, fronte ao 63% dos homes) e a empatía (82% fronte ao 69%), pero tamén á responsabilidade, á orde, ao afecto, a tenrura e o coidado ou á beleza. O profesorado é consciente da visión estereotipada do alumnado, pero non a recoñece entre as familias ou entre iguais. Os docentes varóns cis hetero son especialmente optimistas neste aspecto.

Do mesmo xeito, o alumnado le correctamente os estereotipos e roles asignados socialmente a cada xénero, pero non as súas consecuencias. Un 76% do alumnado asegura que os mandatos de xénero non inflúen nas súas decisións. Esta porcentaxe escala ata o 82% no caso dos rapaces cis hetero e redúcese ao 67% no caso da mocidade LGBTIQ+. A porcentaxe invírtese no caso do profesorado e só un 22,6% está dacordo con esta afirmación. Esta porcentaxe escala ao 32,6% no caso dos profesores cis hetero e redúcese ao 15,7% no caso das profesoras cis hetero.

Un dos aspectos que está en disputa é a participación equitativa na aula. O 58% do alumnado di participar activamente. Esta porcentaxe sube ata o 71% no caso do alumnado LGBTIQ+ e o 61% no caso dos alumnos cis hetero e redúcese ao 53% no caso das alumnas cis hetero. É especialmente rechamante que un 12% das rapazas afirme non ter confianza para falar en público en ningún sitio, fronte a un 2% dos rapaces e un 8% do colectivo LGBTIQ+. O 65% do profesorado pensa que alumnos e alumnas falan por igual nas aulas. O 41,9% dos profesores cishetero cren que “non hai ningún motivo para que isto non sexa así” e o 36% das profesoras cis hetero pensan que, se é así, é grazas ao traballo do profesorado. Non obstante, arredor do 25% do profesorado afirma que os rapaces participan máis. As docentes entrevistadas falan de alumnas mudas que entran nos IES falando en público e saen dos mesmos sen facelo.

A metade do alumnado (49%) e do profesorado (44%) non perciben discriminación por xénero nos IES e, cando a perciben, non se poñen dacordo sobre a súa natureza: o 27% do profesorado e o 13% do alumnado cre que existe discriminación contra as mulleres, se ben esta porcentaxe redúcese ao 8% no caso dos alumnos cis hetero e ao 19% no caso dos profesores cis hetero e aumenta ata o 41% no caso do profesorado LGBTIQ+ e ao 22% no caso do alumnado LGBTiQ+. o 17% do profesorado e o 24% do alumnado cre que existe discriminación contra as persoas trans e non binarias, aínda que esta porcentaxe escala ata o 28% no caso do profesorado LGBTiQ+ e o 39% no caso do alumnado LGBTiQ+; e o 4% do profesorado e o 11% do alumnado cre que nos seus centros existe discriminación contra os homes. Practicamente ningunha muller ou rapaza defende esta opción.

Xosé Cabido Pérez e Sonia Fernández Casal, docentes de Educación Secundaria; Marga Tojo, de Xornalistas Galegas; Beatriz Carrasco, da Anpa do IES de Soutomaior; e Sheila Santiago Santos, Aroa Santiago Santos, Thalía Rama Blanco, Victoria Sousa Cruz e Xiana Bustelo Tallón, da Comisión de Igualdade do IES do Milladoiro (Ames) falan sobre como os discursos antifeministas medran vizosos nas redes sociais e nos centros educativos.

A PROMOCIÓN DA IGUALDADE NON ACABA DE FUNCIONAR

Mentres que preto do 40% de rapazas cishetero e alumnado LGBTIQ+ considera que debería haber máis actividades de promoción da igualdade, esta porcentaxe redúcese ao 15% no caso dos rapaces cis hetero. De feito, un 21% dos alumnos cishetero ven estes obradoiros como unha perda de tempo (fronte ao 6% das rapazas e o 10% do alumnado LGBTIQ+).

Aínda que máis sutil, esta diferenza tamén se aprecia no profesorado. O 12% dos profesores cis hetero pensan que hai demasiados obradoiros de igualdade (fronte ao 2% das profesoras cis hetero e o 7% do profesorado LGBTIQ+). Tamén hai máis profesores cis hetero que din coñecer o Plan de Igualdade do seu centro (70%, fronte o 61% das profesoras e o 66% do colectivo LGBTIQ+) e defenden que é suficiente (o 49%, fronte ao 24% das profesoras cis hetero e o 34% do profesorado LGBTIQ+). É especialmente rechamante que fronte ao 31% de profesoras cis hetero e profesorado LGBTIQ+ que piden ampliar o Plan de Igualdade dos seus centros só o 9% dos profesores cis hetero o considere necesario. O 69% do profesorado asegura que lle falta formación en Igualdade e son as mulleres cis hetero as que din precisala máis (73%). De feito, o 51% dos profesores cis hetero non recoñecen ningunha dificultade á hora de traballar a Igualdade nos centros. Esta porcentaxe redúcese ao 34% no caso do profesorado LGBTIQ+ e ao 27% no caso das mulleres cis hetero.

QUE PODEMOS FACER?

A xuventude consultada neste traballo cre que a igualdade de xénero é un piar fundamental da nosa convivencia, pois a meirande parte das mozas cishetero (94%), dos mozos cishetero (82%) e das persoas do colectivo LGBTIQ+ (92%) consideran que contribúe a facer unha sociedade máis xusta. Este é o achado máis esperanzador da consulta á mocidade, pois non se trata dunha previsión de futuro, senón que constitúe unha realidade a día de hoxe. Porén, malia que existen razóns para o optimismo, hainas tamén para a preocupación. Unha delas é a existencia do discurso misóxino en si mesmo, que eleva o antifeminismo a categoría política avalada por algúns líderes mundiais. Outra é como cala ese antifeminismo na poboación adolescente, inmersa no proceso de construír a súa identidade baixo a ollada escrutadora do seu grupo de iguais, co desexo de satisfacer o que se espera dela e sen moita experiencia vital para evitar manipulacións mediáticas interesadas.

Como resposta á situación descrita no informe, Agareso elaborou unha proposta didáctica para traballar o discurso de odio misóxino nas aulas de Secundaria, xunto coa alfabetización mediática e a elaboración de contradiscurso. Fíxoo a partir do traballo desenvolvido durante décadas por Pepe Cabido e Sonia Fernández Casal en varios centros galegos e en colaboración con varias Anpas, con alumnos e alumnas de equipos de igualdade e con Xornalistas Galegas. Froito dese traballo, publican, tamén, unha serie de materiais multimedia nas súas webs e redes sociais, co relato en primeira persoa de persoas destes colectivos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta