Por Galicia Confidencial | Ferrol | 08/04/2016 | Actualizada ás 11:00
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, recoñeceu este xoves que existen "complicacións" entre Ferrol en Común e o PSdeG e suliñou que é preciso unha xuntanza para “clarificar as súas posicións e deixar claro, supoño, que todos temos o mesmo interese”.
“Se non é así, se hai máis interese en tomar unha postura crítica en base a próximas citas electorais, haberá que reformularse e estar abertos a calquera tipo de situación que se dea", dixo o rexedor ante a posibilidade de rachar o actual goberno bipartito.
"En Ferrol en Común debemos ter grandeza e ningún temor. Con independencia dos erros, creo que o seis concelleiros de FeC temos un obxectivo claro. Mentres non haxa unha decisión contraria, seguiremos con camiño firme cara ao cumprimento do noso programa electoral", dixo.
Por iso, insistiu en que lle gustaría que "todos os grupos da esquerda" acompañasen á súa formación no goberno da cidade, aínda que se isto non ocorre, agregou, seguirán o camiño "ata que alguén o impida cos mecanismos legais".
Sen embargo, Jorge Suárez quixo rebaixar a tensión e suliñou que "todo é salvable" e que as mencionadas complicacións "teñen que ver máis coa comunicación que coas decisións". “Necesitamos unha urbe estable, compacta, coherente e cohesionada", aínda que tamén quixo apuntar que as dificultades "tampouco son tan graves como, ás veces, se reflicten".
Estas declaracións chegan logo das diferencias que houbo con respecto ao contrato eléctrico, pois desde o PSOE avogan por paralizar o procedemento iniciado no anterior mandato do PP -á vista dun último informe de Intervención-, mentres desde Ferrol en Común optan pola continuidade da adxudicación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.