Educadores sociais concéntranse en varias localidades galegas en memoria da compañeira asasinada en Badaxoz

Chaman ás administracións a "reflexionar sobre o estado do sector" e a non "estigmatizar" aos menores do sistema de protección.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2025 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

Centos de educadores sociais concentráronse este xoves en varias localidades galegas, entre elas Santiago, A Coruña e Ourense, en memoria da súa compañeira asasinada o luns nun piso tutelado Badaxoz por tres menores de idade --que foron detidos-- e en apoio aos seus achegados. O Colexio de Educadores Sociais de Galicia (CEESG) convocou ás 12.00 horas estas accións reivindicativas, que estiveron secundadas por universidades e sindicatos, e nas que tamén se mantiveron un minuto de silencio.

Así, o colectivo profesional trasladou publicamente o seu pésame á familia e aos compañeiros de Belén, á vez que fixo un chamamento para "reflexionar sobre o estado do sector", cunha "falta de recursos técnicos e económicos", e das "persoas" que traballan nel. Neste sentido, o Colexio de Educadores Sociais rexeita as informacións e voces que "estigmatizan ás nenas e nenos" que están no sistema de protección e que "confunden os centros de medidas xudiciais cos centros de protección". Con estas accións reivindicativas, o CEESG esixe ás administracións "unha avaliación exhaustiva dos recursos existentes para evitar que traxedias como a ocorrida en Badaxoz se repitan", así como a implementación de medidas "que reforcen tanto a seguridade como a calidade do traballo das profesionais".

UNHA LEI BÁSICA ESTATAL

A estas peticións, o sindicato UGT suma a reclamación dunha lei básica estatal que "acabe con este problema" de precariedade laboral na educación social, un sistema no cal "a sobrecarga de traballo", os "baixos salarios" e a "desprotección" son o habitual. Nun plano máis amplo, esta organización esixe "a todos os niveis" da administración pública que teñen competencias en servizos sociais que garantan "de maneira estable" o financiamento e unhas condicións laborais "dignas", independentemente de que os centros de traballo sexan de xestión pública directa ou mediante unha concesión.

Educadores sociais concéntranse en Santiago de Compostela en memoria da súa compañeira asasinada en Badaxoz
Educadores sociais concéntranse en Santiago de Compostela en memoria da súa compañeira asasinada en Badaxoz | Fonte: CEESG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta