Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 20/03/2025 | Actualizada ás 21:50
O abuso psicolóxico grupal é unha forma de violencia invisible, pero devastadora, que opera en contornas como seitas, grupos coercitivos, dinámicas laborais tóxicas e ata comunidades pechadas. A diferenza da agresión física, os seus efectos son difíciles de detectar, pero poden deixar fondas secuelas na identidade, a autonomía e a saúde mental das vítimas. Sen embargo, a súa gravidade segue a ser un problema pouco recoñecido e abordado socialmente. Por iso, a creación dun Día da Prevención do Abuso Psicolóxico Grupal é unha necesidade urxente. Este non só permitiría visibilizar esta forma de manipulación e control, senón tamén fomentar a educación e a concienciación sobre os seus mecanismos, as súas consecuencias e a importancia de contar con ferramentas para previlo e combatilo. Este día serviría para dar voz ás vítimas, impulsar políticas de protección e promover un debate preciso sobre a influencia destrutiva que poden exercer certos grupos sobre os individuos. Inma Esteban, psicóloga sanitaria experta en condutas aditivas e secretaria da Asociación Iberoamericana para a Investigación do Abuso Psicolóxico (AIIAP), conta ao Galicia Confidencial os aspectos positivos que traería para a sociedade a proclamación deste día.
Esteban sinala que "no mundo existen un feixe de días 'D' para todo tipo de cousas". Así, apunta á existencia de días sociais, que son "os que máis abundan, superando os 200, entre os que se atopa, por exemplo, o Día da Prevención do Suicidio ou o Día Internacional de Loita Contra o Cancro de Mama ou o Día das Enfermidades Raras, así como o Día Mundial sen Alcohol ou o Día Mundial Sen Tabaco"; de días mediáticos, como "o Día dos Simpson, que xurdiu tras unha campaña despregada pola produtora Mediaset"; de días estacionais, que son "moitos menos, pois trátase dos coincidentes con fenómenos como o cambio de hora, os equinocios e os solsticios"; e mesmo de días 'frikis', entre outros. Entre todos estes, o Día da Prevención do Abuso Psicolóxico Grupal entraría dentro dos días sociais. Mediante a súa proclamación, o obxectivo sería "axudar a visibilizar unha problemática tan grave coma esta", pois, "aínda que hai asociacións sobre o tema, somos poucas, e o abuso psicolóxico grupal segue sendo un tipo de violencia que socialmente se disfraza de tantas maneiras que resulta moi sibilina e que, ademais, a pesar de que está habendo tamén avances a nivel de concienciación, aínda hai persoas que cando se lles fala de seitas amosan un rexeitamento cara o asunto que non amosan se se lles fala de abuso psicolóxico grupal, pois seguen asociando as seitas ao plano máis relixioso e esotérico".
"A PANDEMIA E AS REDES SOCIAIS SUPUXERON UN ANTES E UN DESPOIS PARA AS SEITAS, ANTES ESTES GRUPOS TIÑAN QUE SAÍR ÁS RÚAS PARA CAPTAR Á XENTE"
A psicóloga chama a atención sobre a proliferación de grupos coercitivos e seitas que chegou durante e despois do confinamento, moitos dos cales se viron impulsados pola dinámica das redes sociais e de Internet. "A pandemia e as redes sociais supuxeron un antes e un despois", resalta, pois lembra que "con anterioridade ás redes sociais estes grupos saían máis ás rúas e daban a cara para captar á poboación, pero agora poden chegar á xente doutras maneiras moito máis doadas". "Neste espazo, proliferaron moitísimos grupos coercitivos que nada teñen que ver con grupos relixiosos, senón con contextos de todo tipo, habendo dende grupos relacionados co crecemento persoal ata grupos vinculados á saúde e outros que promocionan a beleza", sinala Esteban, que advirte de que "para calquera actividade social sempre haberá un grupo coercitivo". "É certo iso que se ten dito en múltiples ocasións de que sempre haberá unha seita para cada persoa, dependendo do que lle guste facer e daquilo polo que sinta máis atracción", resalta. Así, a proclamación dun día 'D' sobre a prevención do abuso psicolóxico grupal serviría, como sinala, para "sensibilizar, concienciar e chamar a atención sobre unha problemática que está lonxe de solucionarse". Ademais, segundo se pode observar polas consecuencias que tivo a proclamación doutros días 'D' para as súas materias correspondentes, tamén axudaría a "conseguir maior financiación para a investigación ou recursos para a celebración de eventos tanto lúdicos como didácticos".
Chegados a este punto, para Esteban resulta innegable a importancia de que a prevención do abuso psicolóxico grupal conte cun día marcado no almanaque, pois "trae consigo moitas outras cousas, todas elas boas para a visibilización da problemática e a concienciación social". Por poñer un exemplo claro, sinala como "as manifestacións que moven a milleiros de persoas cada Día Internacional contra a Violencia de Xénero facilitaron a aprobación de leis de protección das mulleres vítimas deste tipo de violencia". E por que o nome de Día da Prevención do Abuso Psicolóxico Grupal e non outro? A idea de denominalo así, despois de ter valorado outras opcións como Día de Prevención das Seitas ou Día da Prevención dos Grupos Coercitivos, segundo apunta a psicóloga, partiu da base de que "falar de abuso psicolóxico grupal céntrase máis no tema do abuso, nas dinámicas relacionais, non só nas seitas, senón no abuso psicolóxico en xeral, no cal poden entrar tanto grupos sectarios como grupos de radicalización, grupos de 'mobbing' ou outros que operan noutro tipo de contextos, abranguindo así moitos espazos diferentes nos que se exerce o abuso psicolóxico grupal máis aló das seitas".
"A PROCLAMACIÓN DESTE DÍA PERMITIRÍA DESENVOLVER TODA UNHA SERIE DE ACCIÓNS A NIVEL PREVENTIVO PARA FACER MÁIS VISIBLE ESTA PROBLEMÁTICA"
Unha vez co nome escollido, a pregunta é: como se fai para proclamar un día 'D'? Cales son os pasos que se deben seguir? Ao respecto, a secretaria da AIIAP explica que "habería que distinguir entre días internacionais e días mundiais ou días nacionais e día 'D' a secas, porque non se conseguen todos da mesma maneira". Deste xeito, apunta a que "os días mundias, loxicamente, son os máis difíciles de conseguir, porque é a Organización das Nacións Unidas (ONU) a que, a través dunha campaña moi mediática ou de propostas dos diferentes países en relación a unha temática concreta, fai a proposta". Con todo, Esteban asegura que "iso para nós xa son palabras maiores, e é algo que agora mesmo como asociación non buscamos, porque non queremos comezar a casa polo tellado, buscando xa de primeiras a proclamación dun día internacional ou mundial". Por iso, pon o foco nos días 'D' a secas, que "se conseguen tanto a través de campañas mediáticas como tamén a nivel de mobilización nas redes sociais ou mesmo a través da unión de asociacións adicadas ao tratamento da mesma problemática, así como a través do recadamento de sinaturas en plataformas como Change.org". Así as cousas, a psicóloga conta que, "despois do X Encontro Nacional sobre Abuso Psicolóxico e Seitas --celebrado en Santiago de Compostela hai unha semana-- estamos traballando na posta en marcha destas campañas".
E, no caso de que se consiga a proclamación do Día de Prevención do Abuso Psicolóxico Grupal, como se celebraría? Aínda que todas as propostas son benvidas e non hai nada decidido sobre a mesa, Esteban sinala que, por exemplo, "unhas das posibilidades sería poder celebrar este congreso que agora facemos dende a asociación de maneira anual cada vez nun lugar diferente de España de maneira simultánea en varios puntos do país, mediante unhas xornadas ou algo semellante". A esta iniciativa sumaríanse outras como "desenvolver unha serie de accións a nivel preventivo arredor deses días para facer máis visible esta problemática ante os ollos de toda a sociedade e non só ante os daqueles que a traballamos, mesmo dando voz a vítimas e familiares que estean dispostos a contar abertamente as súas experiencias". E é que, dende logo, o que Esteban ten claro é que se precisan apoios e medios, pois "eu mesma como psicóloga recibo no meu mail moitas demandas de atención de persoas que caeron en grupos coercitivos, ás que lles facemos un asesoramento gratuíto, pero que a nivel institucional acusan a carencia de centros de prevención como os que existen para as adiccións". "O idóneo sería que poida haber cada vez máis recursos dirixidos á atención de persoas que estiveron nunha seita e lograron saír, así como de atención aos seus familiares, e non só a nivel nacional, senón de comunidades autónomas", subraia.
"TENDEMOS A PENSAR QUE NÓS NON SOMOS SUSCEPTIBLES DE CAER NUN GRUPO COERCITIVO, E ESE É XUSTAMENTE O PRIMEIRO ERRO QUE COMETEMOS"
Finalmente, tendo todo o anterior en conta, aínda quedaría unha pregunta por respostar que resulta clave: cando se instauraría ese Día de Prevención do Abuso Psicolóxico Grupal? En que data? Esteban confesa que isto é algo que aínda habería que valorar, pois "cando fixen a proposta sobre este día, parecíame demasiada responsabilidade elixir eu mesma o día, porque considero que se pode escoller dunha maneira máis coidada, é dicir, non poñer un día ao chou, senón que sexa algo máis meditado e estudado". De feito, sinala que "entre os meus compañeiros xa saíron algunhas datas pensando na conmemoración ou no rexeitamento a algún evento concreto que sucedera nelas", pero, o certo é que a data final aínda está no aire. Mesmo cabería a posibilidade de abrir un debate social no que a propia cidadanía e afectados pola problemática puidesen trasladar as súas propostas. E é que sobre este tema todo o mundo debería ter algo que dicir, pois, como lembra a psicóloga, "tendemos a pensar que nós non somos susceptibles de caer nun grupo coercitivo, e ese é xustamente o primeiro erro que cometemos, porque calquera persoa é susceptible de caer nun destes grupos". "Se che gusta bailar, se che gusta facer deporte, se che gusta xogar ao xadrez... Vai haber unha seita ou grupo coercitivo sobre a maneira que che interese agardando por ti", advirte, e destaca que "para caer non fai falta que sexas menos intelixente, chega con que respires" e "o feito de pensar que ti eres inmune é precisamente o que che fai baixar a garda máis facilmente".
Ademais, hai que ter en conta no caso das seitas que agora proliferan alegremente nas redes sociais que están ao alcance de todo tipo de perfís, incluídos os menores de idade, que aínda non están completamente desenvolvidos a nivel mental. "Os adolescentes, que aínda non contan cun pensamento crítico desenvolvido, son poboación de risco, o cal non significa que unha persoa adulta estea exente de caer nun destes grupos, pero no caso dos menores de idade, súmase o feito de que aínda non gozan da madurez suficiente para discernir o que é bo do que é malo ou perigoso", resalta, apuntando a que "a prevención nestes grupos de idade é fundamental". Pois os adolescentes teñen as súas propias actividades e formas de ocio, de maneira que, adaptando a seita aos seus gustos, fanse máis doados de captar. Neste senso, Esteban exemplifica que, "máis aló dos xogos 'online' ou das criptomoedas, mesmo pode haber grupos coercitivos que capten menores a través da ensinanza de técnicas de estudo, e que pai ou nai diría que iso ten algo de malo?". "Estes grupos disfrázanse de calquera actividade, o que fai moi difícil detectalos; un grupo que versa sobre calquera actividade pode tratarse dunha seita disfrazada, de aí a necesidade de prevención", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.