Allariz presenta o programa de actividades desta primavera para a Mocidade

De abril a xuño a rapazada do concello poderá participar en roteiros, obradoiros, concertos e eventos lúdicos co obxectivo de fomentar a cultura, o coñecemento e o lecer en grupo.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 27/03/2025 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

O Concello de Allariz, a través da súa área de Mocidade, vén de presentar unha nova edición da "Primavera na Mocidade", un programa moi completo e variado de actividades que favorecerán o intercambio, a convivencia e a adquisición de coñecementos así como tamén o entretemento activo. Están abertas ao público en xeral, especialmente á mocidade de entre 13 e 35 anos. 

Presentación da programación de actividades para a Mocidade de Allariz de cara a esta primavera. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Presentación da programación de actividades para a Mocidade de Allariz de cara a esta primavera. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

ROTEIROS DE MEMORIA HISTÓRICA

Serán os días 27 de abril cunha visita-andaina ao Teixedal de Casiao e Minas de Wolframio (dificultade alta); o 31 de maio, día no que a mocidade se achegará a 'A Eiredera', o último bastión da resistencia antifranquista en Ourense (dificultade baixa). E como derradeiro roteiro do programa de primavera, o 29 de xuño farase unha xeolocalización e aventura na Ribeira Sacra baixo o título de 'Os irmandiños'.

O custo destes roteiros será de 15 euros (10 euros para residentes en Allariz).

OBRADOIROS FORMATIVOS

A programación deste apartado será a seguinte:

Abril: Stop Velutina, para coñecer técnicas de trampeo e consellos básicos.

Maio: Iniciación á mesa de mesturas e Pica Discos (DJ).

Xuño: Privacidade e Internet: Fuxindo do Big Data.

OUTRAS ACTIVIDADES

O 16 de maio, celebrarase un evento especial na Praza Maior para conmemorar as Letras Galegas, con actuacións da Escola Municipal de Música Tradicional de Allariz, Ukestra do Medio e Guezos, ás 21:30 h.

A programación tamén inclúe actividades de fin de curso, como o I Torneo Amateur de Xadrez "Mocidade Alaricana" o 1 de xuño, e a actividade de Batería, Batucada e Guitarra o 13 de xuño, na Casa da Cultura.

O concelleiro de Mocidade, Iago Santás, anima á mocidade local a participar subliñando que "con esta programación, queremos ofrecer á mocidade de Allariz un espazo para a creatividade, a aprendizaxe e a diversión. As actividades están pensadas para que todas as persoas, especialmente aquelas de entre 13 e 35 anos, podan atopar algo do seu interese. Animamos a toda a xente a inscribirse e participar activamente nesta proposta cultural e educativa".

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente enviando un correo a mocidade@allariz.gal, indicando o título da actividade na que desexan participar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta