Derrúbase parte do teito da terceira planta do Hospital Materno Infantil de Ourense

A Xunta confirma que só houbo danos materiais e que a zona foi limpa de inmediato.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/03/2025 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

Unha parte do falso teito do Hospital Materno Infantil de Ourense esborrallouse este sábado na terceira planta do edificio, un derrube que non provocou danos persoais pero si materiais. Segundo confirmaron fontes da Consellería de Sanidade consultadas por Europa Press, trátase de "un pequeno derrube" do falso teito nunha zona de paso do Materno Infantil motivado, ao parecer, polo conduto do aire acondicionado.

Así mesmo, detallaron que este derrube non afectou á zona de hospitalización e fixeron fincapé en que se procedeu de maneira inmediata á limpeza da zona. Neste contexto, o ano pasado sucedeu algo similar noutra zona do Materno Infantil e que tamén se saldou con danos materiais. Foi a finais de 2023, cando se rexistrou a caída de parte do teito da sala de partos, na primeira planta do edificio.

O BNG PIDE A COMPARECENCIA DO CONSELLEIRO

Pola súa banda, a deputada nacionalista por Ourense Noa Presas avanzou este domingo que o BNG "vai esixir" a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no Parlamento Galego para dar explicacións sobre este novo derrube que cualificou de "gravísimo" e "que puido ocasionar danos persoais irreparables."

Neste sentido, o BNG lembrou nunha nota de prensa que a "deterioración" do edificio do Hospital Materno-Infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense "é un dos principais problemas" no ámbito das infraestruturas da sanidade ourensá.

De feito, denunciou que durante os últimos anos houbo diferentes incidentes que se comunicaron á inspección ou mesmo denunciados publicamente, como caída dun teito na sala de partos a finais de 2023.

Hospital de Ourense, CHUO / Xunta de Galicia / Europa Press
Hospital de Ourense, CHUO / Xunta de Galicia / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta