Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 01/04/2025 | Actualizada ás 14:10
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou que levarán a cabo actuacións no Hospital Materno Infantil de Ourense, despois do derrube do pasado sábado, pero non precisou en que consistirán tendo en conta que se debe esperar "ao que digan os técnicos". Unha parte do falso teito do Hospital Materno Infantil de Ourense esborrallouse o pasado sábado na terceira planta sen provocar danos persoais, pero si materiais. Segundo as primeiras hipóteses, a orixe estivo no conduto do aire acondicionado.
Na súa visita ao Laboratorio de Saúde Pública de Lugo, o conselleiro lamentou "profundamente" o derrube e manifestou a súa satisfacción porque este non afectase a ningunha persoa "que podería pasar polo corredor nese momento". Engadiu que os técnicos están a traballar actualmente no centro médico para coñecer as necesidades que hai, pero que o obxectivo "é garantir primeiro a seguridade" de todas as persoas que traballan no hospital e de todos os pacientes que pasan por alí. Caamaño explicou que o traballo dos técnicos céntrase tanto en garantir a seguridade como no feito de avalar "as variacións no funcionamento do hospital, que permitan canto antes liquidar este problema".
MANIFESTACIÓN DO DOMINGO
Por outra banda, o conselleiro de Sanidade mostrouse crítico sobre "os obxectivos" da manifestación convocada para este domingo, día 6 de abril, en Santiago de Compostela en defensa da sanidade ao asegurar que "as cousas están a mellorar". Asegurou respectar a idea dos "galegos e galegas que cren que deben manifestarse por unha mellor sanidade pública" pero sostivo que "non comparto" eses obxectivos porque, como explicou, "non se nos poden reprochar algúns destes supostos, porque as cousas están a mellorar". O conselleiro engadiu que a situación das listas de espera avanza positivamente, referíndose tanto ás de espera cirúrxica, como ás de consulta especializada ou probas complementarias. "Hai cousas que mellorar, e estámolas mellorando", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.