Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2025 | Actualizada ás 20:11
O proxecto de Altri en Palas de Rei protagonizou un bronco debate parlamentario na tarde deste martes no pleno da Cámara con motivo dunha comparecencia da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na que urxiu ao Goberno fondos europeos e conexión a rede eléctrica para proxectos estratéxicos en Galicia, incluído o que impulsa a pasteira portuguesa dunha planta de produción de fibras téxtiles a base de celulosa.
Nun contexto no que a Xunta aprobou recentemente a luz verde ambiental ao proxecto de Altri, e con protestas como a que acolleu A Pobra o pasado sábado con miles de asistentes e centos de embarcacións en contra dunha "macrocelulosa", Lorenzana interveu para falar sobre 14 proxectos declarados como estratéxicos pola Xunta, aínda que o debate parlamentario centrouse na polémica fábrica da multinacional portuguesa.
E é que a conselleira centrou boa parte da súa intervención en lanzar reproches a BNG e PSdeG, aos que reclama que "abandonen o seu negacionismo industrial".
O deputado Brais Ruanova (BNG) cargou contra o "nerviosismo e matonismo" do PP ante unha "marea de dignidade que non van poder silenciar por moito que manipulen", nin "por moito diñeiro que destinen a comprar vontades". Denuncia que é un "proxecto político" de "capitalismo de amigotes" que "hipoteca" o futuro do país. "O Goberno galego é un animal salvaxe que sente acurralado e só pode atacar de modo desesperado", sentenza.
Así, Ruanova afirmou que "o PP preferiu sacar ao seu matón", en referencia a Alberto Pazos Couñago, "que ao seu portavoz de industria", en alusión a Rubén Lorenzo, para este debate. O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, pediu que retire a palabra "matón", cuestión á que se negou o deputado nacionalista, polo que lle fixo unha chamada á orde, ademais de exercer a retirada dese cualificativo.
A continuación, o portavoz parlamentario popular, Alberto Pazos Couñago, replicou a Ruanova que se "se atreve a chamar matón" no Parlamento, "que non estarán a aguantar alcaldes e concelleiros na rúa". "Que noviños chegan e que costumes tan feos herdaron", espetou.
No seguinte punto do pleno, a deputada nacionalista Montse Prado denunciou o "abuso de poder absoluto" que considera reiterado por parte do presidente do Parlamento ao retirar expresións como esta, "tentando intimidar" e "coartando as intervencións". "Xa está ben de que, no canto de ser o presidente, exerza de presidente do PP", clamou. Preguntoulle a Rubén Lorenzo se "lle pagan obxectivos por cada bobada que di", xa que "está continuamente molestando". Nese momento atopábase presidindo o pleno a vicepresidenta, Elena Candia (PP), quen dixo subscribir "totalmente" a chamada á orde realizada.
A portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, afeou a Lorenzana que falase de "comunismo do século XXI" para referirse a a manifestación na Pobra, o que identifica coa "dereita máis radical" nun PP que "abraza" a Vox, partido que "nega o pacto verde europeo". Reproba falar "con demagoxia e sen despeitearse" dos manifestantes contra unha "macrocelulosa", un "proxecto político" que ve "patrocinado" pola Xunta.
CRÍTICAS AO GOBERNO E OPOSICIÓN
De tal forma, Lorenzana queixouse de que para que os proxectos estratéxicos sexan unha realidade "faltan" apoio económico e conexión enerxética por parte do Goberno central. De feito, alerta de que os proxectos "penden dun fío" pola falta de redes de transporte eléctrico.
Lembra que a Xunta leva aprobado un proxecto industrial estratéxico, o de Triskelion --de Forestal do Atlántico, en Mugardos-- para a produción de metanol verde. Así mesmo, foron declarados estratéxicos outros 13, en diferentes fases de tramitación, que supoñen un investimento de 2.201 millóns de euros e 4.325 postos de traballo (directos e indirectos).
Incide en que os proxectos previstos na zona das Pontes e Ferrol están a esperar pola construción de dúas subestacións que se incluíron nas modificacións da planificación 2021-2026 despois de reclamalo a Xunta, pero que non estarán operativas ata 2028.
Igualmente, a conselleira solicita apoio dos partidos para presentar emendas ao Proxecto de Lei de industria e autonomía estratéxica, aprobado polo Goberno central, ao considerar que "ignora" a Galicia na planificación enerxética e pon en risco proxectos, no que considera unha "recentralización".
Nesta liña, carga contra a "nefasta" xestión do Estado dos Perte. Sostén que dos 41.182 millóns asignados a todos os Perte, publicáronse actuacións por valor de 24.801 (un 60% sobre o total orzado) e só resolveuse o 41% (16.891 millóns). "O Estado decidiu unilateralmente quedar con máis de 33.500 millóns de euros sen contar coas comunidades autónomas", reproba. Denuncia que só dous proxectos galegos contaron con estes fondos.
Por outra banda, criticou a visión "catastrofista" do Bloque sobre a industria, á vez que lle di ao PSOE que "por moito que se esforcen non vai gañarlles en radicalismo ao BNG". Define as súas posturas como "demagoxia e hipocresia".
"Deixemos que as empresas decidan se van facer os seus proxectos ou non", resalta. "Nós non sospeitamos dos que queren investir en Galicia". "Por iso, non se se Altri vai facer o seu proxecto en Galicia ou non", afirma.
Finalmente, Lorenzana asegurou que as súas palabras sobre "comunismo do século XXI" non foron por "as persoas que foron á manifestación" do sábado, senón que: "Falei dos líderes que secundaron a manifestación". "En ningún momento falei dos manifestantes", asevera.
"DEIXAR A MERDA AQUÍ"
En fronte, Brais Ruanova (BNG) recrimina aos populares querer "sacar o proxecto de Altri custe o que custe", o que define como o "proxecto do espolio, das portas giratorias, de levar o diñeiro para fose e deixar a merda aquí", así como "volver ao franquismo industrial".
Así, lamenta que a comparecencia deste martes da conselleira busca "instalar un falso relato" que "faga fronte á contestación social" de que "é o mesmo un centro de datos que unha megacelulosa". "Que ten o PP con Altri?", cuestiona.
Sostén que os proxectos estratéxicos da Xunta "son un auténtico bluff", que unicamente en utiliza como "unha arma política contra o BNG". Lembra que con "unha man" declaran estratéxico o sector da alimentación e coa outra "pon en risco a 3.000 explotacións".
Mentres, Patricia Iglesias (PSdeG) denunciou a "opacidade" do proxecto de Altri, o cal "se vendeu pola Xunta" como un proxecto verde de fibra téxtil, pero que foi "transformado nunha macrocelulosa no corazón de Galicia".
Sinala que o ano pasado a propia Lorenzana asegurou que a Xunta daría axudas a Altri se non hai do Estado, polo que "o balón volve estar no tellado de Rueda". Iglesias pide o "mesmo respecto" para os empregados públicos do Estado que avalían os requisitos de Altri para acceder a axudas que "pide para os empregados públicos da Xunta".
"Púxonos nerviosísimos este novedosísimo discurso do BNG", comezou de forma irónica o portavoz parlamentario popular, Alberto Pazos Couñago, quen lembrou o "non" do Bloque no pasado á AP-9 ou Alcoa.
Pazos Couñago acusa á oposición dunha "industria do bulo e desinformación", á vez que reprocha a BNG e PSdeG que antes das eleccións dicían que o proxecto de Altir "era bo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.