Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela / Madrid | 23/04/2016 | Actualizada ás 08:00
Edgewater incluíu na súa demanda contra a Xunta a descrición dunha reunión para salvar a mina de Corcoesto. Nesa xuntanza, segundo a mineira, participaron por unha banda o presidente da compañía canadense e pola outra un directivo dunha empresa española do IBEX 35 do "agrado do Goberno da Xunta" e “outro directivo dun medio de comunicación de tirada nacional”.
O obxectivo da reunión en Madrid era salvar as reticencias do Goberno Galego para autorizar a macromina de ouro. A empresa española -que xa reunira coa Xunta "ao máis alto nivel- e o directivo da prensa ofrecéronlle ao presidente de Edgewater, de acordo ao relato dos canadenses, “determinadas prestacións”.
A demanda presentada ante o TSXG non indica cales eran esas “prestacións”, pero deixa claro que finalmente non houbo acordo entre os empresarios.
Na documentación presentada no recurso contencioso-administrativo, Edgewater tamén incluíu, como se sabe, un email interno no que o seu CEO acusa á Xunta de non autorizar a mina por non teren accedido a supostos favores que lle pediran “amigos do presidente”.
Para entender o contexto da reunión cómpre lembrar a cronoloxía do falido proxecto. Edgewater fixo un multimillonario investimento (8 millóns só na compra dos dereitos) co que logrou superar case todas as fases para a autorización. Os americanos tamén gañaron inicialmente o favor do PP. En xuño de 2012 o propio Alberto Nuñez Feijóo prometeu na rolda de prensa do Consello da Xunta que “a mina de ouro de Corcoesto suporá un investimento de 110 m€ e preto de 1.400 postos de traballo”. O mandatario mesmo dixo que a aprobación definitiva sería antes de acabar 2012. A Xunta aprobou a polémica Declaración de Impacto Ambiental (DIA) e os alcaldes locais e os conselleiros emitiron os preceptivos informes favorábeis.
Sorprendentemente, e nun golpe de efecto, Feijóo anuncia en outubro, en pleno Debate do Estado da Autonomía, que non haberá mina. Entre outras razóns, o líder do PPdeG alega que o proxecto carece de “suficiente compromiso económico” e “suficiente compromiso co país”.
Edgewater coñecía as reticencias da Xunta dende hai tempo, polo menos, dende ese verán. Por iso botou meses buscando un “socio local” que servira para convencer á Xunta. Logrou reunións con outros responsábeis da Xunta para presentar os seus avais -incluídos 120 millóns depositados nun banco procedentes de investidores internacionais- e finalmente logrou sumar a unha das empresas españolas máis importantes, unha empresa coa que o relato da mineira di que a Xunta non tivo problemas para reunirse ao "máis alto nivel". Daquela foi cando o presidente da compañía acudiu a Madrid para reunirse co posíbel inversor español e, sorprendentemente, cun directivo dun medio de comunicación de alcance estatal.
Que facía un directivo da prensa intermediando para salvar a mina a ceo aberto de Corcoesto? Cal era a empresa española interesada en investir? Que lle ofreceron ao presidente da mineira? Edgewater evita incluír a resposta a estas cuestións na demanda interposta ante a Xustiza, á que accedeu GC.
O que si deixa claro a versión da empresa é que a negativa administrativa final non se debeu a cuestións técnicas ou de solvencia económica, como di a Xunta. Na demanda detalla ducias de informes favorábeis de varias consellerías, incluída a de Economía. A mineira láiase que durante os anos de tramitación do proxecto a Xunta non advertiu de problemas de solvencia económica nin doutra índole até a recta final o final. Ante esta “arbitrariedade e discriminación”, Edgewater, a través da filial Mineira de Corcoesto, reclama ao TSXG declare o proxecto aprobado por silencio administrativo.
Este é o texto do email de George Salami ao responsábel de Mineira de Corcoesto, a súa filial española, inicialmente publicado por InfoLibre este luns:
“Hola, Lluis. Estoy seguro de que ha sido un día triste, efectivamente. Teníamos tantas esperanzas en poder avanzar con el proyecto. Ahora mismo no alcanzo a ver que podíamos haber hecho de manera distinta -- a parte de pagarles $$$$ a los políticos. Esto hubiera sido fácil y cualquiera puede hacerlo, pero no encaja con los principios fundamentales de acuerdo a los cuales hacemos negocios. Lo irónico es que me fui de Venezuela hace 5 años, buscando un buen lugar donde hacer negocios, y sobre esta base elegí España. Desgraciadamente ahora veo muy poca diferencia entre el gobierno de Venezuela y la manera en que la Xunta nos esta tratando. De hecho, los caminos han sido casi idénticos. La lenta erosión de derechos, la denegación de permisos, inventando leyes nuevas y decretos por el camino para pararnos, "amigos" del presidente que vienen a nosotros con ofertas de "ayuda" (que generalmente quiere decir $$ en una maleta Samsonite), etc etc. Es exactamente
lo que Hugo Chávez hizo con Rusoro antes de quitarnos el proyecto directamente (que es lo que la Xunta va a hacer con nosotros pronto)... Me gustaría hacer esta comparación Galicia - Venezuela en la prensa, porque es cierta. Pero por ahora, supongo que tengo que guardar silencio. En términos de equipamiento, vende lo que puedas.
Gracias, Lluis.
George”
Ante a avalancha de críticas suscitadas pola publicación de detalles da demanda, a Xunta respondeu que as insinuacións de subornos e a comparación con Venezuela lle parecen inamisibles. O Goberno Galego mesmo di que está a estudar demandar á mineira polas filtracións e as súa acusacións.
Quen non dixo nada polo de agora é o presidente da Xunta. A Alberto Nuñez Feijóo esta polémica colleulle de viaxe. Non é a primeira vez que o mandatario está lonxe cando salta unha cuestión así de difícil. Desta volta marchou a visitar Sudamérica, co motivo oficial de asistir á Feira do Libro de Bos Aires.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.