Unha fin de semana 'moi gastronómica' en Verín

"Pincha no Lázaro" e "Lázaro Gastronómico" son as propostas que impulsa o Concello de Verín para dinamizar a hostalería local da vila do Támega.

Por Galicia Confidencial | Verín | 03/04/2025 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

Esta vindeira fin de semana celebrarase en Verín a Feira do Lázaro, evento que o concello quere completar con dúas propostas gastronómicas para "consolidalas como cita clave na axenda culinaria da vila do Támega".

Casa do Concello de Verín
Casa do Concello de Verín | Fonte: GC

Por unha banda estará o concurso de pinchos, “Pincha no Lázaro”, que celebra a súa segunda edición cun notable incremento de participación; e por outra, o "Lázaro Gastronómico"ruta de degustación de pratos con bacallau e solombo que se celebra por vez primeira os días 5 e 6 de abril. O obxectivo desta segunda e novidosa proposta é ampliar a oferta gastronómica durante a festividade, poñendo en valor a creatividade e o saber facer dos establecementos locais a través de dous produtos emblemáticos da nosa cociña tradicional como son o bacallau e o solombo.

A través desta ruta, as persoas asistentes poderán percorrer unha selección de dez establecementos da vila que ofrecerán elaboracións propias baseadas nestas materias primas, con propostas que van desde pratos tradicionais ata interpretacións innovadoras da gastronomía local.

CONCURSO DE PETISCOS

Pola súa banda, o concurso “Pincha no Lázaro”, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de abril, contará este ano coa participación de 20 locais hostaleiros, fronte aos 13 da edición anterior, o que supón un crecemento significativo que reflicte o éxito e o interese xerado na primeira convocatoria.

O público participante no roteiro de petiscos poderá votar os seus pinchos favoritos, participando nun sorteo con premios como un bono de 100 euros, un xamón ou unha cesta de produtos da comarca.

O concelleiro de Feiras, Transportes e Xuventude, Manuel Lorenzo, destacou "a importancia de seguir apostando pola gastronomía como motor de dinamización local, apoiando ao sector hostaleiro e ofrecendo ao público propostas de calidade e identidade propia. Con “Lázaro Gastronómico” damos un paso máis, unificando experiencias culinarias en distintos formatos e consolidando Verín como destino gastronómico tamén durante a primavera".

FESTAS DE SAN LÁZAROD

Días atrás foi presentada a programación do Lázaro 2025, festas que terán lugar esta fin de semana, 5 e 6 de abril. A proposta deste ano consolídase como unha das grandes citas de promavera e contará cunha oferta ampla de actividades tradicionais, de lecer, deporte, de motor, gastronomía, artesanía, actos relixiosos...

A programación completa pode verse na páxina web do Concello de Verín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta