Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela / Madrid | 26/04/2016 | Actualizada ás 14:00
O proceso para a formulación dunha confluencia da esquerda galega avanza pouco a pouco, malia a evidencia de que -salvo sorpresa de ultimísima hora- haberá unhas novas eleccións xerais dentro de dous meses, en xuño.
Alexandra Fernández, deputada de En Marea, asegura que “a cuestión do partido instrumental estase a estudar, estase a debater, e eu creo que debemos seguir a camiñar nese sentido que ademais é unha fórmula que xa se empregou nas mareas municipalistas, que permitiron integrar as diferentes sensibilidades políticas e culturas nun mesmo espazo”. A militante de ANOVA indicou que de feito, xa se están dando pasos para formalizar un partido instrumental no Rexistro de Partidos do Ministerio do Interior. GC comprobou que, polo de agora, esa inscrición aínda non está completada.
Fernández fixo estas declaracións á prensa tras reunirse con Felipe de Borbón. O xefe do Estado incluíu a En Marea como interlocutor a parte do grupo parlamentar no que está integrado, que é Podemos-En Marea-En Comú Podem. Precisamente, a inscrición como partido permitiría a coalición galega -se repite o mesmos bos resultados do 20D- salvar os impedimentos formais que enarboraron os rivais políticos para impedir a creación dun grupo parlamentar galego.
A referencia de Fernández as mareas municipalistas reflicte a problemática de como coordinarse as confluencias locais. Coalicións municipais que teñen en marcha o seu propio proceso, bautizado “Marea Viva”, dentro do grupo “Mareas en Común”. Unha das cuestións a solventar é que “Mareas en Común” naceu pensado para as eleccións autonómicas de outono, non para as xerais de dentro de dous meses.
Nas reunións do proceso que deron lugar á “Marea Viva” participaron unhas 30 candidaturas locais. Así e todo, os principios básicos -o primeiro documento consensuado- só foi ratificado polo de agora por unhas 200 persoas e dezaoito mareas, segundo publicou esta semana este grupo na súa web.
A lista de mareas asinantes polo de agora é a seguinte: Asemblea pola Unidade de Cangas, Betanzos Novo, GañaMos, Iniciativa Cidadá de Mugardos, Marea Atlántica, Marea Cidadá de Noia, Marea Marín, Marea Pontevedra, Movemento Veciñal da Estrada, Nós Pobra, Ourense en Común, Por Chantada-CUP, Sadamaioría, Somos Cabanas, Somos Cambados, Veciñanza (Cuntis) e Xuntos Por As Pontes.
Nesa relación faltan moitas que están a colaborar neste instrumento -por exemplo Compostela Aberta-; indicación de que o proceso muncipalista corre risco, de non apurar os prazos, de non estar plenamente en marcha a tempo de completar os formalismos para a repetición das eleccións xerais.
“Temos que dar respostas para mellorar a participación de En Marea e camiñar cara a construción dun suxeito político galego, ademais temos eleccións autonómicas e temos que dar pasos para conformar ese suxeito político”, argumenta Fernández. A deputada recoñece que “é evidente que hai diferentes opinións” sobre como artellar a coalición e admitiu que tal debate debe facerse máis aló do diálogo entre partidos. Cómpre lembra que a nova dirección de Podemos Galicia ten reticencias a repetir a coalición do mesmo xeito que se formalizou para o 20D, cando as bases só poideron votar unhas listas previamente pactadas polas cúpulas dos partidos.
En conclusión, o proceso de confluencia da esquerda galega volve a atoparse sen formalizar a poucos meses das eleccións cuns prazos moi apurados, como lle sucedeu o 20D, cando a coalición tivo que presentarse sen nin sequera un programa electoral público definitivo. Malia isto Fernández mostrouse hoxe nos Desayunos de RTVE a prol de que haxa eleccións galegas xa porque “a lexislatura de Feijóo está completamente esgotada e canto antes se vaia mellor lle irá a Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.