Alcaldes e portavoces do PSOE érguense contra Altri: "O Goberno non pode conceder un só euro a este proxecto"

Lanzan un manifesto no que denuncian que Altri é "un proxecto político" do PPdeG que busca "eucaliptizar" o país.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2025 | Actualizada ás 16:27

Comparte esta noticia

Alcaldes e portavoces do PSOE nas comarcas de Arousa, do Salnés e do Ulla lanzaron un manifesto en defensa dos sectores produtivos e do medio ambiente fronte á "agresión" do proxecto de Altri no municipio lucense de Palas de Rei que, segundo denuncia, "promove a Xunta".

O texto avisa de que Altri é unha "ameaza" ao modo de vida destas comarcas. "Unha ameaza para a xente dos nosos concellos pola mesma razón pola que é unha ameaza á cadea mar-industria das comarcas de Arousa, Salnés e Ullán", sinala.

É por iso que os representantes socialistas nas institucións aseguran que "nin queren nin poden" quedar calados ante unha "agresión social e ambiental" que "pon en risco" a identidade como pobos vinculados economicamente á ría, ao mar, á conca do Ulla e ao turismo.

"Altri é un paso atrás para o saneamento da ría. Os alcaldes e alcaldesas e portavoces socialistas levamos anos pelexando polo saneamento integral da ría de Arousa", indica o manifesto, que acusa á Xunta de "desperdiciar millóns de euros de fondos europeos Feder deixando pasar prazos". "A día de hoxe queda moito por facer e a Xunta, en lugar de apostar polo medio ambiente, aposta pola contaminación", censura. O manifesto impulsado polos socialistas avisa tamén de que Altri "pon en risco postos de traballo". 

Así mesmo, sosteñen que se trata dun "proxecto político" dunha Xunta "sen políticas industriais do século XXI para Galicia" e pon o exemplo de Pemex para referirse tamén á "lamentable carencia de políticas industriais estratéxicas por parte do Goberno galego para transformar a nosa economía en sintonía coas directrices que sinala a Unión Europea e recolle o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España.

"SUCESIÓN DE MENTIRAS"

Os socialistas avisan de que "Altri é unha sucesión de mentiras" e lembran que en 2022 presentouse como unha fábrica de fibras téxtiles sustentables que "despois resultou ser unha macrocelulosa". Ademais, indican que se anunciou que "daría 2.500 postos de traballo e agora fálase de 500".

"A Xunta leva 30 anos dicindo que non hai sitio para outra celulosa en Galicia e que por iso non se podía trasladar Ence e agora resulta que barallaron ata sete emprazamentos posibles para Altri ata elixir Palas de Rei", denuncian os socialistas. Ademais, sosteñen que "a Declaración de Impacto Ambiental é unha "falta de respecto" á cidadanía e a Galicia e que "o documento publicado o pasado 14 de marzo é unha crónica anunciada, porque o proxecto xa tiña a bendición da Xunta desde 2022".

O manifesto tamén subliña que "o Goberno de España non pode conceder un euro de subvención a un proxecto desfasado no tempo e incompatible coa axenda verde". "Os e as responsables socialistas nas institucións das nosas comarcas vemos este proxecto incompatible coa Axenda 2030, co chamado pacto verde europeo e coas liñas de transformación da economía que o Goberno de España impulsa a través das convocatorias dos proxectos estratéxicos Perte", indica.

O documento lanzado polos socialistas finaliza subliñando que Altri "é a consolidación da eucaliptización de Galicia" e que a Comunidade non debe acoller un proxecto que Portugal rexeita. "Altri é un proxecto opaco. Toda a tramitación, desde a aparición dos directivos da empresa da man da Xunta ata o día de hoxe está presidida polo que se oculta", aseguran para argumentar que o memorando de entendemento asinado pola empresa coa sociedade participada pola Xunta Impulsa en 2021 "segue sendo secreto e, por tanto, queda fóra da lei de transparencia".

Alcaldes e portavoces do PSOE lanzan un manifesto en defensa dos sectores produtivos fronte ao proxecto de Altri
Alcaldes e portavoces do PSOE lanzan un manifesto en defensa dos sectores produtivos fronte ao proxecto de Altri | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Comeza a conta atrás para a destituir aos socialistas díscolos ? Onde están os 4 de Compostela ? Veremos que decide o Polit Buró en Ferraz ? Galicia Non Existe !