“Sempre estiven metido en comisións de festas e organizando eventos dende adolescente”, Daniel Veiga, ‘Plenario’

Coñecemos a este empresario e retranqueiro axitador de redes sociais natural da Pontenova, artífice da popularidade actual da Discoteca Hermo de Muimenta e impulsor doutros negocios relacionados co lecer nocturno na provincia de Lugo.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 30/04/2025 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Daniel Veiga cóntanos que é da aldea de Vilaouruz, na Pontenova, aínda que é popularmente coñecido como ‘Plenario’, nome do seu avó e alcume da casa.

Daniel Veiga, 'Penario', co seu avó. Foto cedida.
Daniel Veiga, 'Penario', co seu avó. Foto cedida.

Falando con el descubrimos que é un galego botado para adiante, que lle gusta moito organizar eventos e tratar coa xente, que ten á familia e ao seu avó nun altar e que unha das frases coas que máis se identifica é “prefiro arrepentirme do que fago que do que non fago”.

Tamén sabemos, aínda que o podiamos imaxinar por como se comunica nas redes sociais, que a retranca e o humor gobernan a súa vida dándolle sempre protagonismo ao galego. De feito, algunhas das súas frases feitas xa se fixeron populares como “Pícame o lombo” ou “Vai ser unha risa coa cocha...”.

Falamos con Plenario para coñecer a súa traxectoria profesional e a súa filosofía de vida.

Cando eras cativo que querías ser de maior?

Discoteca Hermo, en Muimenta. Foto: Plenario.
Discoteca Hermo, en Muimenta. Foto: Plenario.

Mecánico. Son Mecánico e traballei once anos antes de empezar coa hostalería, oficio ao que me pasei porque me gustaba moito socializar. A hostalería é moi escrava pero gústame o trato coa xente.

Es amigo das foliadas, esmorgas e troulas?

Sempre estiven metido nas comisións de festas, en asociacións, organizando eventos deportivos... Lévoo no sangue dende que era adolescente, con 15 anos. Estas experiencias axudáronme tamén para o mundo dos negocios, para coñecer a burocracia, asumir riscos de organización...

Mira se me vai organizar que tiña xurado que non volvía ás festas e metinme nas de Meira e tamén na Directiva da Asociación de Empresarios de Meira... Bótolle valor! Prefiro arrepentirme do que fago que do que non fago.

Como emprendedor no mundo da hostalería e da noite con que negocios empezaches?

O Tibor de Meira téñoo dende hai 12 anos. Xa existía no 1997 e cando pechou collino eu. A Discoteca Hermo de Muimenta dende finais de 2019, antes da pandemia e con artistas como Ana Mena, Omar Montes, Gabry Ponte e Sash... non rompín os contratos e pedín un préstamo ICO para mantelos, e manter os gastos dos locais pechados.

Pero saíches adiante. Resistiches.

Ao principio deume algo de medo, pola pandemia e a cancelación das actuacións e ter que pagalas igual, eran moitos cartos... Aprendín moito e sempre souben que estaba aí a miña familia para axudarme se o necesitaba.

Cando parece que as discotecas desapareceron do mapa en Galicia ti aguantas coa Hermo. Cal é o teu segredo?

Na provincia de Lugo sempre foi das máis importantes, foi moi mítica e os antigos propietarios tíñana ben conservada e equipada. Non a collín no mellor momento de funcionamento pero deille un empuxe bo.

As discotecas non morreron, o que pasa é que a xente espera agora o evento. Hai que facer eventos, festas puntuais potentes e non cada fin de semana. En fin de ano tivemos máis de 1000 persoas. Agora estamos moi comunicados, ao corrente de todo e á mocidade teslle que traer algo.

Hai que adaptarse ao público?

As redes sociais son as que mandan. O que hoxe está de moda, mañá xa non está. Todo cansa enseguida, todo é moi volátil e hai que romperse moito a cabeza.

As redes sociais son as que mandan

Contas con DJ galegos?

No panorama galego hai bos DJ pero teño que metelos no medio dos outros, dos mediáticos a nivel nacional ou internacional. Todos os que pasan por aquí quedan encantados, ata lles facemos unha empanada personalizada co seu nome... Temos xa unha fama que fai que moitos nos pidan pinchar na Hermo.

Vemos que ti es moi popular nas redes. Por que cres que tes tanto tirón, pola naturalidade, pola carallada...?

Será pola naturalidade. Teño que dicirche que non preparo nada. Moitas veces aproveito para facer vídeos mentres xanto co meu avó. Gústame moito o humor e nos locais ando polo medio da xente, moléstome por ter trato directo con todos.

Nótase que lle tes moito aprecio e respecto á familia... e moito trato co teu avó.

A familia por enriba de todo, moito amor por ela. E sempre estiven moi unido ao meu avó, máis desde que morreu meu pai, que era fillo único e eu tamén o son. Co meu avó temos moitas cousas en común... unha delas ver películas.

Sempre estiven moi unido ao meu avó...

Cando falas, en galego e con moita retranca...

Si, o galego da zona. Son do límite con Asturias e nesta zona aínda se fala bastante o galego. Nos carteis e á hora de publicitar eventos fágoo en galego. Dáme moita rabia ver aos país falarlle en castelán aos fillos.

A retranca vai de serie. Vouche contar unha anécdota. Cando collemos o último pub en Lugo, o Mazzamurelli, había unha dobre porta na entrada. Nunha delas estaba o nome antigo e quitámolo pero había que poñer algo para que se vise e non tropezar con ela. Pois puxémoslle a frase “Vai ser unha risa coa cocha”, unha frase do meu avó que di cando vemos as películas e antes de que vaia haber unha algarabía. E gustoulle moito á xente a coña.

Que máis negocios tes actualmente?

O Zafra, outro pub en Meira, a Disco Hermo Truck dende 2024 e tamén abrimos en Lugo a Cafetería-Restaurante do Pazo de Congresos.

Semella que imos máis cara tempos de 0’0 que de encherse de alcol. Cres que a mocidade bebe menos en xeral?

Eu vexo que a xente cóidase moito máis, pero respecto a todo o mundo coa súa elección.

E ti, bebes ao nivel do que predicas nas redes?

O das redes é todo cachondeo. Claro que bebo, bebo cubalibres pero non me encho todos os días. Se vou de festa, vou de festa e bebo nese contexto. No traballo son serio, pero de festa gústame alternar.

O dos vídeos fágoo porque á xente gústanlle as burradas. Teño feito vídeos dando a entender que teño resaca e non saír a noite de antes. É todo retranca e dar que falar.

Teño feito vídeos dando a entender que teño resaca e non saír a noite de antes

E bébase ou non, para os eventos da Hermo pos autobuses para facilitar os desprazamentos, verdade?

Eu quero que a xente veña sempre segura. Á Hermo veñen autobuses de Viveiro, Guitiriz, Ribadeo, Vegadeo... Non me son rendibles pero para min é un servizo moi importante.

Algún evento próximo?

O 17 de maio pechamos a tempada da Discoteca Hermo e traemos a ‘Alvama Ice’ e ‘Sote’, Djs que estarán acompañados dos residentes: DJ Casanova, Cosmedeejay, Marcos Peón e Pedro Brmudz.

O avó Plenario. Foto cedida.
O avó Plenario. Foto cedida.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta