Temas: HERBICIDA TRIVES

Piden que se erradique o uso de herbicidas tóxicos nos espazos públicos de Trives

Son de Trives lembra que o Real Decreto 1311/2012 aposta por conseguir un uso sustentable dos produtos fitosanitarios.

Por Galicia Confidencial | Trives | 09/05/2016 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Varios grupos políticos locais, e concellos, comezaron hai meses varias campañas para tentar erradicar o uso de herbicidas tóxicos na rede viaria e espazos públicos. O último en sumarse foi o grupo Son de Trives, a través de Jorge Vázquez, concelleiro do Grupo Mixto, que presentou unha solicitude para que o Concello de A Pobra de Trives impida o uso de glifosato e outros herbicidas tóxicos nos espazos públicos do concello.

Uso de herbicidas en espazos públicos
Uso de herbicidas en espazos públicos

"A aplicación dun herbicida como o glifosato en espazos públicos constitúe un risco ao que se somete á poboación, aos traballadores/as municipais que o empregan, ao gando, á flora e fauna, ou ao chan e ás augas, dada a súa toxicidade", sinala nun comunicado.

O grupo fundamenta a súa solicitude en diversa lexislación, como o Real Decreto 1311/2012, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sustentable dos produtos fitosanitarios. Nel especificase que, “con polo menos 10 días hábiles de antelación ao comezo de cada tratamento, o usuario profesional ou empresa contratante solicitará ao órgano competente da administración local a autorización para realizalo”. Deste xeito, deixa en mans dos concellos a autorización do uso de tratamentos fitosanitarios en calquera actividade distinta da produción primaria agrícola profesional.

Por iso, Son de Trives solicita que o grupo de goberno do Concello de A Pobra de Trives acorde non autorizar o uso dos herbicidas con glifosato en todo tipo de lugares públicos do municipio, e substituír estes produtos por métodos mecánicos ou biolóxicos non contaminantes, que non danen a saúde nin o medio. Tamén lle pide ao concello que solicite por escrito ás autoridades competentes e entidades implicadas na aplicación de herbicidas que empreguen métodos de control alternativos mecánicos ou biolóxicos, non químicos e se comprometa a informar deste acordo a todos os colectivos e entidades políticas, sociais e veciñais existentes no municipio".

Temas: HERBICIDA TRIVES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta