Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/05/2016 | Actualizada ás 10:50
Xosé Luís Bará Torres será, salvo sorpresa de última hora, o cabeza de cartel do Bloque pola provincia de Pontevedra para o 26 de xuño. O concelleiro de Mobilidade e Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra substituirá neste posto a Carme Adán.
A política viguesa renunciara tras os pésimos resultados do 20D e por non compartir a estratexia do Bloque de pechar a porta as mareas.
O nome de Bará, filtrado o martes, ten que ser confirmado no Consello Nacional deste sábado. O propio interesado non confirmou a noticia, pero publicou un chío cunha cita de Castelao a prol das forzas políticas nacionalistas:
Bará é un político cunha longa carreira, fundamentalmente como concelleiro de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra e principal referente municipal da UPG, o partido comunista máis numeroso na fronte. A súa escolla mostra como o Bloque insiste na liña -defendida pola UPG- de non pactar con forzas de ámbito estatal.
Si tenta pactar con outras forzas moi pequenas de ámbito galego. O Bloque ultima acordos coa Federación Obreira Galega (FOGA) e o Partido Comunista do Pobo Galego (PCPG) para formar unha lista que planea chamar BNG-Nós Candidatura Galega.
O 20 de decembro presentouse só como parte da coalición Nós Candidatura Galega. Dela formaron as tres forzas xa citadas máis Coalición Galega e o Partido Galeguista. Coa saída destas dous últimos partidos, de ideoloxía de centro-dereita, a nova coalición limítase a forzas de ideario marxista e asume as siglas do BNG como referente principal.
O Bloque citou como causa dos nefastos resultados das xerais a ausencia do BNG das papeletas. Agora tentará volver as cortes con candidaturas que repiten cabezas de cartel (Carlos Callón na Coruña, Noa Presas en Ourense e Olalla Rodil en Lugo) salvo en Pontevedra, onde ademais de Bará pode incorporarse como número 2 Ana Miranda, a eurodeputada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.