Por Galicia Confidencial | O Porriño | 18/05/2016 | Actualizada ás 09:00
Cans volve ser, un ano máis, e xa van 13, o centro do cinema galego coa celebración do seu peculiar festival que comeza este 18 e remata o vindeiro 21 de maio. Nesta edición fusionaranse disciplinas como o audiovisual, a música, a danza e a gastronomía e haberá máis de 20 concertos, entre eles un de Iván Ferreiro.
A parte das 18 curtametraxes a concurso e a proxección audiovisuais de animación, de 'Retratos de familia', clásicos como 'Miss Lledya' e premiados como 'O Descoñecido', entre as principais novidades deste ano se inclúe que a 'Leira de Alicia' pasa a ter programación continua nos dous días centrais do festival e acolle o 'Espazo Mahou' con actuacións musicais.
Entre estas, cabe destacar o concerto de Iván Ferreiro o venres 20 ás 20,00 horas, se ben o contido musical se amplía a máis de 20 actuacións e 30 horas de música, nas que participarán Os Diplomáticos de Montealto, Novidades Carminha e Óscar D 'Aniello da man do seu novo proxecto musical, Delafé.
Ademais, inaugurarase o 'Jaliñeiro Arena cun espectáculo exclusivo no que Janet Novás e Mercedes Peón unen danza e música, e unha nova sección gastronómica na que haberá unha proxección e prepararase unha tapa 'delicatessen' deseñada para o festival. Igualmente, reforzarase a programación infantil con proxeccións, música, monicreques, talleres e menús infantís.
Finalmente, o festival incluirá de forma transversal na súa programación deste ano actividades vinculadas ao ano Castelao e para implicar os porriñeses, como un desfile de 'chimpíns' polo centro da cidade, a colocación dun 'Dinocan' ante o Concello e exposicións de debuxos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.