Por Galicia Confidencial | Ferrol | 30/05/2016 | Actualizada ás 12:35
Ricardo García-Borregón Millán, ex-director Xeral da Natureza con Agustín Hernández, declarará como imputado --actualmente investigado-- o vindeiro luns 6 de xuño a petición da Fiscalía ambiental do TSXG, xunto con outros tres ex-altos cargos de Medio Ambiente. Terán que resonder polo dragado da ría de Ferrol denunciado en 2011 por ADEGA. A obra tiña como obxectivo aumentar o calado da entrada da ría para permitir o paso a grandes buques, segundo este colectivo.
No Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela están a desenvolverse as dilixencias previas relativas a un presunto delicto contra os recursos naturais e o medio ambiente, relacionado co dragado irregular dos fondos da Ría de Ferrol dentro da ZEC Costa Artabra (Rede Natura 2000), executado entre outubro e novembro do 2011, e no seu día denunciado por ADEGA perante a Fiscalía Ambiental.
Por iso, como investigados por estes feitos atópanse as persoas que naquela época ocupaban os postos de máxima responsabilidade na xestión dos espazos naturais de Galicia. Ademais de García-Borregón Millán están Rogelio Fernández Díaz (Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade), Javier Turrillo Montiel (Xefe do Servizo de Análise e Proxectos) e Carlos Múñoz (Xefe do Servizo de Conservación da Natureza na Delegación Provincial da Coruña).
Todos eles están acusados pola Fiscalía de delictos contra os recursos naturais e o medio ambiente, prevaricación e falsidade documental. Nun comunicado, Adega denuncias que, "entre todos presuntamente cociñaron, logo de iniciadas as obras do dragado da ría de Ferrol, unha autorización ambiental fraudulenta baseada nun suposto informe técnico que non figuraba no expediente". Logo de rematadas as obras, e tras as xestións do Valedor e a Fiscalía a denuncia de ADEGA, apareceu o informe que, curiosamente, recomendaba a non execución do proxecto polos seus impactos ambientais.
"Confiando no labor da xustiza e da Fiscalía, este caso representa a paradoxal culminación da desastrosa xestión da biodiversidade e dos espazos naturais acontecida nos últimos anos", apunta a organización ecoloxista, que acusa á Xunta de "desastrosa xestión dos Parques Naturais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.