Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/05/2016 | Actualizada ás 12:12
José Luis Méndez Romeu, o aspirante que resultou perdedor nas primarias celebradas polo PSdeG para designar o seu candidato á Xunta, anunciou este martes a súa renuncia a continuar como voceiro parlamentario.
Tal e como xa avanzou GC, Méndez Romeu estivo este luns sondeando co seu entorno esta posibilidade logo da derrota sufrida nas primarias do PSdeG o pasado domingo.
Segundo as fontes consultadas, o voceiro parlamentario socialista cre que sería "incompatible" coas novas esixencias do partido. "Entende que sería moi fácil para Feijóo desacreditalo nas sesións de control ao goberno", apuntan fontes consultadas por GC que indican que iso o deixaría nun mal lugar a el e ao partido.
Precisamente, este foi un dos motivos que esgrimiu para xustificar esta decisión, que de seguir no seu cargo produciríase "contradicións" co discurso de quen encabezará os carteis socialistas, Xoaquín Fernández Leiceaga.
Unha das principais diferenzas entre os que se disputaron as primarias estribou na relación co principal rival no ámbito da esquerda, as mareas. Mentres o coruñés optou pola oposición frontal, Leiceaga buscou a diferenciación política e mantivo unha man tendida á posibilidade de selar acordos postelectorais.
Así pois, sen citar explicitamente esta cuestión, Méndez Romeu brandiu esas disparidades de criterio co noiés para enmarcar a súa dimisión. Nunha multitudinaria roda de prensa, argüiu que, por "moito empeño" que se puxese por evitalo, nas súas intervencións se darían "puntos de vista distintos, contradicións, matices" que "en nada favorecerían a unidade de discurso".
"Crearía confusión"
"Crearían confusión nos afiliados e nos electores", argumentou, dende o convencemento de que as "constantes" puntualizacións que requiriría xerarían "un escenario especialmente incómodo que se debe evitar". "E a forma de evitalo é nomeando a outra persoa", resolveu, tras sinalar que consultou esta decisión con "distintas persoas" da súa confianza.
Antes de informar publicamente dela, tal e como apuntou, trasladóullela tanto a Leiceaga como á responsable da xestora do PSdeG, Piar Cancela, pois ambos os dous o invitaron a continuar como voceiro na Cámara. De feito, o propio Méndez indicou a Europa Press o luns que solicitara "un tempo de reflexión" para sopesar esta decisión, que materializou en menos de 24 horas dende eses contactos.
Xunto coas diferenzas de opinión sobre a relación do PSdeG coas mareas, Méndez relacionou a súa renuncia - como voceiro parlamentario, pero conservará o seu escano- co resultado das primarias.
"Non podo esquecer que significa que a maioría da organización non avala o labor deste voceiro", vinculou, antes de admitir que a perda do sábado lle minguou a "convicción" para manter o mesmo nivel de oposición que ata agora.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.