Campos lémbralle ao BNG que tamén votou a favor do PP nos orzamentos de Foz

O presidente da Deputación de Lugo di que “só había 2 alternativas: un consenso con todos os grupos e o deputado non adscrito ou un presuposto imposto polo PP”.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 28/06/2016 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, defendeu este martes o pacto acadado co PP e co deputado díscolo Manuel Martínez sobre os orzamentos do ente provincial o que procou a ruptura do pacto de goberno que mantiña co BNG. “Escollín a mellor opción: uns orzamento para os veciños dos 67 Concellos da provincia, que negocie con todas as forzas políticas ata o último minuto co obxectivo de acadar a unanimidade”, dixo.

Darío Campos
Darío Campos

E, tras as críticas dos nacionalistas que denuncian este acordo cos populares, Campos lémbralles que tamén eles pactaron as contas do Concello de Foz co PPdeG. “Non entendo a súa postura, pois noutras administracións, como por exemplo o Concello de Foz, aprobouse o presuposto cos votos a favor do PP e do BNG, buscando o interese xeral, tal e como o fixemos nós. Eu viñen á Deputación a traballar por e para os veciños da provincia de Lugo”, dixo. 

Por iso, amosou a súa “sorpresa” pola decisión tomada polo BNG e suliñou que os orzamentos foron aprobados inicialmente cos votos dos Deputados do PSOE e do Bloque Nacionalista Galego. “Dende entón, a parte económica practicamente non variou. Modificáronse as bases de execución, pero fixémolo co atendendo ás peticións de todos os grupos políticos, chegan a un bo acordo, que dá liberdade ao Goberno para executar o presuposto e permite á oposición facer a súa labor de fiscalización”, engade nun comunicado.

Dúas alternativas

Darío Campos explicou que “só había dúas alternativas”, ou chegar a un consenso con todos os grupos políticos e o deputado non adscrito para poder aprobar un presuposto legal ou ben deixar un presuposto imposto polo PP co apoio de Martínez.

“Hai que ter en conta que o PP reclamaba que todas as subvencións, tanto de concorrencia competitiva como as excepcionais, así como as modificacións ou transferencias de crédito fosen aprobadas polo Pleno, cando sempre o fixo o Presidente e a Xunta de Goberno. Isto deixaría ao Executivo Provincial sen capacidade algunha para xestionar o presuposto, pois faríao a oposición na sesión plenaria”, insiste Campos.

Por iso, tras negociar con todos os grupos políticos e o deputado díscolo Martínez, insiste en que se chegou ao acordo de que só as subvencións de máis de 40.000 euros, cando así o propoña o presidente, serán aprobadas polo Pleno. Tamén  bases das subvencións de concorrencia competitiva, que tamén serán propostas por Campos, serán estudadas por unha comisión política con representación de todos os grupos da Corporación e Martínez para a súa aprobación na Xunta de Goberno; e que tan só as modificacións e transferencia de crédito que superen os 150.000 euros serán levadas ao Pleno a proposta do Presidente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta