Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/07/2016 | Actualizada ás 16:09
O Foro Galego insiste na súa idea de presentar unha candidatura de unidade para as eleccións galegas, previstas para o próximo outono. Para iso, celebrará a II xornada aberta da organización, o próximo 16 de xullo na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago para abordar "asuntos de vital importancia".
O primeiro encontro, promovido por un grupo de persoas entre as que se atopan alcaldes da órbita nacionalista e outros nomes da sociedade civil, tivo lugar o pasado mes de maio co obxectivo de contribuír a "aumentar" unha candidatura de confluencia que chegue a gobernar en Galicia e "erradicar" as políticas do PP.
Nesta ocasión, o alcalde de Vimianzo (A Coruña), Manuel Antelo, sinalou tres puntos do día que centrarán a atención desta nova reunión, entre os que atopa unha reflexión sobre a primeira xornada e a avaliación dos procesos vividos nas pasadas eleccións xerais.
Así mesmo, o rexedor, quen deixou de militar no Bloque o pasado 26 de abril, indicou que contribuirán a "ampliar unha base social" que elabore unha candidatura para as eleccións autonómicas, e desta forma, facer posible un cambio político.
INICIATIVA ALCALDES
Por outro lado, o Foro Galego valorou a iniciativa dos alcaldes de Ferrol, A Coruña e Santiago para "crear un proceso participativo" e conseguir unha candidatura de "confluencia" que achegue propostas programáticas que logren cambios.
Outro dos puntos prioritarios que se tratarán o 16 de xullo será a creación dunha proposta "que baixe ao concreto", así como trasladar as liñas de traballo que "permitan facer políticas en clave nacionalista".
Segundo recordou o alcalde, o Foro "non é un grupo político", senón un espazo común composto por militantes de diferentes partidos que antepoñen sempre "un proxecto de país" aos seus intereses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.