Por Galicia Confidencial | Santiago | 09/07/2016 | Actualizada ás 13:45
Dende que finou, o 9 de marzo de 2002, o nome de Carlos Casares Mouriño non deixou de soar como candidato a ser homenaxeado no Día das Letras Galegas. Hoxe, o escritor ourensán por fin recibiu ese recoñocemento que se agardaba e que se sabía que algún ano chegaría. A Real Academia Galega (RAG) decidiu este sábado dedicarlle o Día das Letras Galegas 2017 a este home que estivo estreitamente vencellado ao galeguismo, fundamentalmente a través da Editorial Galaxia.
As candidaturas presentadas, de conformidade co Regulamento de Réxime Interno da institución, foron as de Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Nigrán, 2002), Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902 - Cambados, 1967) e Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-1896).
A Real Academia Galega considera que "a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado" da obra de Casares, que "incluíu a literatura infantil, o xornalismo e o ensaio, fan del "un escritor especialmente idóneo para protagonizar a celebración das Letras Galegas de 2017". A institución académica tamén subliña que "con toda seguranza, reforzará o prestixio das nosas lingua e literatura non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria".
Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares Mouriño é "unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX", xustifica a RAG, que salienta a súa labor "prosista en distintos xéneros, o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual" e que "constitúen os trazos máis característicos do seu estilo narrativo e ensaístico, que lle reportou un gran recoñecemento do público e da crítica".
"Alén do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega", prosegue a RAG no seu comunicado oficial.
A decsión foi tomada polo Plenario da Real Academia Galega, reunido esta mañá en sesión ordinaria. Na mesma sesión nomeouse académica numeraria electa a María Pilar Jiménez Aleixandre (Marilar Aleixandre) e oficializáronse as propostas de María Xesús Pato Díaz (Chus Pato) para ocupar a vacante de número producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro e a de Clodio González Pérez como académico correspondente.
VIDA E OBRA
Carlos Casares naceu en 1941 en Ourense e desde os 3 anos pasou a súa infancia en Xinzo de Limia. A súa vocación literaria empezou a se manifestar xa na adolescencia, cando gañou un premio que lle permitiu coñecer a Vicente Risco. Xa na etapa universitaria, na que se especializou en Filoloxía Románica en Santiago de Compostela, entrou en contacto co núcleo da cultura galega antifranquista mentres continuaba a cultivar o seu perfil literario. En 1967 publicou a súa primeira obra, o libro de relatos 'Vento ferido', dentro da colección Illa Nova de Galaxia, e pouco despois converteuse nun pioneiro da literatura infantil en galego: en 1968 gañou co relato 'A galiña azul' o I Concurso de Contos Infantís da Asociación Cultural O Facho e en 1973, o I Concurso de Teatro Infantil da mesma entidade con 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas'.
En 1975, 'Xoguetes para un tempo prohibido' reportoulle o Premio Galaxia e o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios. Casares era xa a esa altura unha das voces emerxentes máis renovadoras e significativas da nosa narrativa, recoñecida en 1978 co seu ingreso na Real Academia Galega, onde foi o membro de número máis novo.
Nos anos da transición e do comezo da democracia, participou activamente na reivindicación autonómica e como parlamentario independente nas listas do PSdeG-PSOE traballou arreo para sacar adiante a Lei de Normalización Lingüística (1983). Rematada a primeira lexislatura da autonomía, centrou o seu traballo no eido cultural como director da editorial Galaxia (1986-2002) e da revista Grial (1988-2002) e, máis adiante, tamén como presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002).
Malia os seus múltiples compromisos, Casares non abandonou nunca a escrita e seguiu a publicar obras con moi boa acollida do público, como a colección de relatos 'Os escuros soños de Clío' (1979), as novelas 'Ilustrísima', Premio da Crítica Galega de 1982; 'Os mortos daquel verán' (1987), Premio Antón Losada Diéguez; e 'Deus sentado nun sillón azul' (1996), Premio da Crítica Española de 1997 e finalista do Premio Nacional de Narrativa de 1998; ou 'O sol de verán', publicada postumamente en 2002 e Premio da Crítica dese ano.
Cómpre así mesmo salientar o seu labor como articulista en distintas cabeceiras, que chegou a contar cun amplísimo e fiel público e merecente dunha morea de distincións, entre eles os premios Fernández Latorre (1993) e Julio Camba (1995), e xa a título póstumo o Roberto Blanco Torres (2002).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.