Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2016 | Actualizada ás 18:24
A deputada do BNG Carme Adán, unha das asinantes do coñecido como "chamamento de Vidán", na que se aglutinan cargos e militantes desta formación e da órbita nacionalista, defendeu este manifesto como un chamamento á "concentración parceira" do nacionalismo e advertiu de que é "malo que non exista unha organización forte que poida operar no Parlamento e en todas as institucións".
"O obxectivo do manifesto era trasladar un debate que estamos a ter, fundamentalmente membros do BNG, ao respecto da necesidade de que todas as organizacións nacionalistas e galeguistas deste país dean un paso adiante para conformar unha alternativa nacionalista que sexa capaz de recoller todo o espírito e materia do gran papel que cumpriu historicamente o nacionalismo ata agora", analizou, en declaracións a Europa Press, Carme Adán.
O manifesto está asinado, ademais de por ela, pola tamén parlamentaria Tereixa Paz, o exvoceiro nacional Xavier Vence, a voceiro do BNG en Europa, Ana Miranda, e outros nomes que coincidiron, na pasada XV Asemblea Nacional en presentar un voto particular para conseguir unha refundación de calado na organización frentista, incluíndo o debate da propia estrutura.
"Cremos que é malo que non exista unha organización forte que poida operar no Parlamento e en todas as institucións e, por iso, facemos ese chamamento. Se non é posible antes das galegas, seguiremos traballando e facendo este chamamento. Non é se integrar con outras formacións estatais, senón unha concentración parceira do nacionalismo", resaltou.
Para Carme Adán, como xa recolle o espírito do manifesto de Vidán, a primeira tradución deste chamamento debería darse o 25 de xullo, Día da Patria. "Unha aposta firme polas forzas nacionalistas, que atomizadas son nada ou pouco", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.