Besteiro reclama a "dixitalización" de todos os documentos que custodia o Arquivo Militar de Ferrol

O Ministerio de Defensa confirmou recentemente que permanecerán na cidade naval e non se marchará a Madrid

Por E.P. | Ferrol | 22/11/2024 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou "a dixitalización" de todos os documentos que custodia o Arquivo Intermedio Militar Noroeste, situado na avenida do Rei, en Ferrol, despois de que o Ministerio de Defensa confirmase recentemente que esta documentación vai continuar custodiada na cidade naval e que non se irá a Madrid.

O socialista pediu que "esa pequena porcentaxe que está dixitalizado aumente, con achegas económicas e con transferencias por parte dos Orzamentos Xerais do Estado". "Para nós é unha tarefa á que non queremos renunciar, sobre todo que a queremos compartir con todo o mundo para lembrar que ese recordo sirva para que non volva suceder o que sucedeu no ano 36 e nos sucesivos", xa que "houbo unha represión extraordinaria neste país, e, por tanto, nese sentido, para nós forma parte dunha peza estrutural, non soamente de sentimento, senón do noso proxecto político".

Estas manifestacións realizounas o tamén deputado autonómico no mediodía deste xoves tras visitar este arquivo, que xestiona o Exercito de Terra na cidade de Ferrol, onde estivo acompañado por varios concelleiros do PSOE da comarca de Ferrolterra.

A preguntas dos medios sobre a posibilidade de trasladar estes documentos á capital do Estado, Besteiro dixo ser coñecedor "sobre a rumoroloxía de que se ía a producir este traslado". "Eu creo que, fronte a esas cuestións, o que se debe de facer é expor esa información onde corresponde", en alusión ao Ministerio de Defensa, "para que aclarase se iso era unha rumorología ou, efectivamente, iso tiña visos de ser real". "Ao final confirmou o Ministerio de Defensa que iso non se ía a producir, e, por tanto, con iso é co que eu me quedo".

O líder dos socialistas galegos detallou que neste arquivo ademais de documentos de Galicia tamén os hai doutras rexións, como "Asturias, Cantabria, País Vasco, A Rioxa e parte de Castela-León".

José Ramón Gómez Besteiro. PSDEG
José Ramón Gómez Besteiro. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta