Por Galicia Confidencial | Lugo | 13/07/2016 | Actualizada ás 10:30
208. Ese é o número exacto de traballadores que estarán durante este verán limpando as estradas da rede vial de Lugo, a máis estensa do Estado. Así o anunciou o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, que este martes supervisaron os traballos de roza que se realizarán nos 4.300 quilómetros de estradas provinciais. Campos Conde destacou que “estas actuacións, nas que investimentos 700.000 euros, cumpren un dobre obxectivo: a mellora das estradas provinciais e o mantemento de máis de 200 postos de traballo”.
O organismo provincial contratou, ademais, 19 autónomos e pequenas empresas da provincia para a execución do plan de desbroce e roza da rede viaria provincial. Nas estradas provinciais, hai despregadas 60 máquinas. A roza é mecánica e manual, é dicir, non se emprega ningún tipo de axente químico, a diferenza doutras administracións, para protexer e respectar o medio ambiente.
Os máis de 4.300 quilómetros de vías tradúcense en 8.600 quilómetros de paseos, 8.600 quilómetros de taludes e 4.500 quilómetros de gálibo, nos que hai que eliminar a vexetación herbácea e arbústica. Isto supón un total de 21.200 quilómetros nos que se realizarán estas tarefas.
Segundo informa o organismo provincial, debido á dificultade que conlevan estes traballos, tendo en conta que a maioría das estradas non sobrepasan os 5 metros de ancho e teñen cunetas cun grande desnivel, decidiuse facer unha división en 19 zonas de actuación completamente diferenciadas, co fin de adecuar os traballos ás necesidades de cada unha delas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.