Diálogo arredor da historia da informática en Galicia e o seu futuro

Javier García Tobío —director xerente do Cesga—, Fernando Suárez Lorenzo —presidente do CPEIG— e o xornalista Henrique Neira participan nesta conversa que parte do libro 'Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía'.

Por Alberto Quian | Santiago | 15/07/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de presentar o libro Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía (Andavira Editora), un ambicioso traballo que, ao longo de máis de duascentas páxinas, repasa a historia da computación no noso país —en paralelo coa tradición dos números e do cálculo no mundo—, ilustrando con textos e fotos toda unha tradición de coñecementos que se estenden, en Galicia, dende os cálculos astronómicos e matemáticos da cultura megalítica, até a revolución dixital e a computación de alto rendemento actuais. O volume saíu á luz baixo a coordinación de Javier García Tobío, director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e membro da Xunta de Goberno do CPEIG, e polo presidente deste colexio, Fernando Suárez Lorenzo, co xornalista Henrique Neira Pereira como responsable da edición dos textos. Con eles falamos da historia do cálculo e a computación en Galicia e dos retos e desafíos que temos de cara ao futuro.

Javier García Tobío.
Javier García Tobío.

Por que era necesario este libro?

GARCÍA TOBÍO: Nos anos 60 do pasado século é cando comeza a implantación ampla da informática nas empresas e institucións galegas. Dende entón aconteceron moitas eventos, historias e anécdotas que ao non estar documentadas corrían perigo de perderse. Así pois, a Xunta de Goberno do CPEIG considerou importante elaborar esta Historia que preservase o coñecemento da evolución da informática en Galicia ampliándoa aos comezos do cálculo no noso territorio.

SUÁREZ LORENZO: Por unha parte, porque non existía ningunha obra que recollese a evolución dunha materia como a informática, que está a cambiar o noso mundo a unha velocidade sen precedentes. Por outra banda, porque tiñamos a oportunidade de contar co testemuño vivo de moitos dos protagonistas desta revolución. E por último, por compromiso do CPEIG coa sociedade, para dar a coñecer a nosa profesión e para que sirva como material didáctico e divulgativo ás novas xeracións, de modo que se decaten que os ordenadores, smartphones, etc., non sempre estiveron aí.

NEIRA PEREIRA: Existían outros libros sobre a informática en Galicia, pero nós quixemos mostrar dun xeito máis amplo e divulgativo a evolución do cálculo antes da chegada dos primeiros computadores, e ademais facéndoo de xeito que o material gráfico tivera un papel o máis relevante posible. No aspecto divulgativo, o libro é ademais o primeiro produto dun proxecto no que participan ducias de persoas e que se prevé completar cunha plataforma en liña onde se poidan ofrecer máis datos e imaxes sobre as cuestións abordadas no volume.

Fernando Suárez
Fernando Suárez | Fonte: CPEIG.

"Esta obra dálle visibilidade ás persoas que traballaron e investigaron en Galicia para que hoxe poidamos ter infraestruturas tecnolóxicas de primeiro nivel".

A cronoloxía que aportan comeza, en Galicia, na era megalítica. Cales consideran que son os principais achádegos ou aportacións deste libro para a historia do cálculo na nosa comunidade, en relación co resto do mundo?

GARCÍA TOBÍO: Por un lado, visibilizar o grao de implatación das “novas tecnoloxías” de cada momento en Galicia, comparándoo coa situación desta a nivel mundial. E por outro lado, salientar as actuacións mais relevantes de persoas e institucións relativas a este campo da ciencia e da tecnoloxía.

SUÁREZ LORENZO: A cronoloxía pretende abarcar toda a historia da humanidade, amosando o contrapunto da evolución na nosa comunidade con referencia ao resto do mundo. E se ben é certo que en tecnoloxía, moitas veces pensamos noutros países, o certo é que temos bagaxe para sacar peito. Eu destacaría, por exemplo, o caso de Ángela Ruíz Robles, que deseñou a Enciclopedia Mecánica no ano 1949 e que se pode considerar a precursora dos actuais libros electrónicos.

NEIRA PEREIRA: Posiblemente a obra permite darlle visibilidade ás tarefas desenvolvidas durante anos por multitude de persoas que traballaron e investigaron en Galicia para que hoxe poidamos ter infraestruturas tecnolóxicas de primeiro nivel.

Estaba Galicia preparada para a chegada da revolución computacional?

GARCÍA TOBÍO: Houbo un retraso significativo entre a entrada da informática en Galicia e a implantación das titulacións universitarias e de Formación Profesional no sistema educativo galego, o cal, con toda seguridade, influíu no ritmo de implantación da Informática en Galicia. Ata 1986, cando se constitúe a Facultade de Informática da Coruña, a computación foi entrando en Galicia da man de coñecemento xerado de moi diferentes formas por empresas e institucións. A formación superior en Informática en Galicia retrasouse en comparación con outras autonomías.  

SUÁREZ LORENZO: É unha pregunta complexa. Penso que ningún país estaba preparado para unha revolución como a que trouxo a informática, pero tamén o é o feito de que había moita xente con visión e intuición para apostar por este proceso de cambio e sacarlle o máximo partido.

NEIRA PEREIRA: Polo menos desde 1855 sabíase da existencia dos aritmómetros, primitivas 'calculadoras'. O primeiro aparello moderno de cálculo do que temos noticia que se usara en Galicia é un aritmómetro que chega á Coruña en 1878, xusto no ano no que en Cuba o estradense Ramón Verea deseña un modelo de calculadora moi avanzado para a época, invento polo que foi premiado pero que non comercializou. Máquinas de calcular máis modernas chegaron nas décadas seguintes á banca, a centros de ensino e a grandes empresas, ata que na década de 1960 chegan os primeiros computadores, tanto á universidade coma ás grandes firmas. Polo tanto, non se partía de cero, había unha certa continuidade.

"Galicia está nunha situación envexable para liderar a transformación dixital".

E está preparada Galicia para os cambios radicais que a computación traerá no futuro?

GARCÍA TOBÍO: A nivel educativo, actualmente cóntase en Galicia cun sistema educativo de prestixio, cunha administración autonómica moi sensible á implantación destas tecnoloxías e cun sistema empresarial e emprendedor moi competitivo. A internacionalización é un obxectivo transversal imprescindible ao que se lle debe seguir prestando especial atención.

SUÁREZ LORENZO: Sendo moi difícil coñecer os cambios nos vindeiros cinco ou dez anos, como cales serán as profesións que aparecerán da man da informática, penso que Galicia si que está nunha situación envexable para liderar a transformación dixital. Contamos con profesionais de prestixio no ámbito tecnolóxico, saídos das tres universidades galegas, con empresas de referencia, tanto no ámbito tecnolóxico como noutros sectores que están a apostar pola innovación, así como cunha administración que está a impulsar a modernización e a innovación en todo o tecido empresarial e a sociedade en xeral. 


Henrique Neira | Fonte: Fernando Blanco.

"Internet supón o maior invento da humanidade na súa historia, porque é a ferramenta máis universal e democratizadora que existe"

Se tivesen que escoller un momento decisivo na historia da informática en Galicia, cal sería?

GARCÍA TOBÍO: Eu creo que hai dúas épocas de especial relevancia. En primeiro lugar, na segunda metade dos anos sesenta, cando se implantan de forma xeneralizada ordenadores nas caixas de aforros e bancos galegos así como nos principais concellos e empresas do país. Tamén nesa época a Universidade de Santiago constitúe o Centro de Programación e Cálculo Barrié de la Maza e a Escola Universitaria de Informática na Coruña e ambos serán alicerces para o desenvolvemento da informática en Galicia. E en segundo lugar, 2007-2008, anos nos que botan a andar institucións e iniciativas de alto interese: constitúese o Cluster TIC, AGASOL (Asociación Galega de Software Libre) e o centro tecnolóxico Gradiant; instálase no CESGA o Finis Terrae, o supercomputador número 100 dentro da lista dos 500 supercomputadores máis grandes do mundo; o tradutor multilingüe OpenTrad, que inclúe o galego; e constitúese o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e o Colexio profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG).

SUÁREZ LORENZO: Non escollería tanto un momento puntual coma un feito en si mesmo como é a aparición de Internet. Penso que Internet supón o maior invento da humanidade na súa historia, porque é a ferramenta máis universal e democratizadora que existe, xa que permite non só a comunicación en tempo real, senón tamén o acceso practicamente ilimitado a todo o coñecemento humano sen limitacións de tempo e espazo. Non é por tanto unha decisión dunha data concreta, pero si dun feito que cambiou a nosa sociedade dun modo disruptivo.

NEIRA PEREIRA: Un dos fitos que máis lle chama a atención á xente que leu xa o libro é o feito de que unha galega, Ana María Prieto, fose unha pioneira da programación informática xa na década dos 60. Mesmo probablemente foi a primeira programadora na historia da informática española, aínda que polo de agora non temos xeito de confirmar con total seguridade se isto é así.

"O CESGA, como buque insignia da computación e comunicacións de altas prestacións de Galicia, ten como reto permanente a incorporación das tecnoloxías emerxentes de cada momento".

Que supuxo para Galicia o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e cales son os retos e desafíos que se deben asumir dende este centro?

GARCÍA TOBÍO: Antes da existencia do CESGA, os investigadores galegos con necesidades computacionais debían acomodar a súa actividade á dispoñibilidade dos escasos recursos ao seu dispor. No ano 1993, o CESGA comezou a súa actividade proporcionando capacidade de computación e rede de comunicacións de altas prestacións, tanto á comunidade investigadora galega e do Consello Superior de Investigacións Científicas, como a institucións e industria localizadas en Galicia. Actualmente o CESGA é un Centro de prestixio a nivel estatal, formando parte do mapa de Institucións Científico-Tecnolóxicas Singulares de España, e a nivel internacional, participando nas principais iniciativas europeas de Computación de Altas Prestacións. O CESGA, como buque insignia da computación e comunicacións de altas prestacións de Galicia, ten como reto permanente a incorporación das tecnoloxías emerxentes de cada momento. Ao día de hoxe, son retos de especial relevancia todo o que vén da man do Big Data, Internet das Cousas e a mobilidade. Para isto requírese a implantación a tempo da formación asociada no sistema educativo galego e a continuidade de esforzos na internacionalización, a transferencia a industria e actualización das infraestruturas computacionais e de tratamento masivo de datos.

SUÁREZ LORENZO: Javier pode respostar esta pregunta mellor que ninguén. Creo que a creación do CESGA supuxo unha achega decidida da administración pola computación ao servizo da sociedade e, xa que logo, un fito no coñecemento das ferramentas existentes e do uso das mesmas para a investigación e o desenvolvemento. Creo que marcou un antes e un despois para a percepción da importancia e as posibilidades da informática e malia aos seus máis de 25 anos, ten un labor fundamental no apoio aos investigadores de dentro e fóra da nosa comunidade.

"Para incrementar o número de profesionais TIC é imprescindible contar cunha maior participación das mulleres neste ámbito de traballo".

Tecnoloxía móbil, encriptación, Big Data e minaría de datos, intelixencia artificial, o Internet das Cousas, a computación cuántica… Son moitos os campos de aplicación informáticos con gran proxección de futuro. En que situación estamos en Galicia e cara onde debemos ir?

GARCÍA TOBÍO: O noso Sistema Universitario está facendo importantes esforzos en adaptar ou implantar másters e graos a estas novas áreas do coñecemento e da tecnoloxía. Con todo, o sistema administrativo actual debería ser máis áxil, facilitando a incorporación destes cursos. A importante e crecente demanda de profesionais TIC, tanto universitarios como de formación profesional, estase convertendo nun limitador na evolución e implantación das TIC en Galicia. Para incrementar este número de profesionais é imprescindible contar cunha maior participación das mulleres neste ámbito de traballo, xa que ao día de hoxe a  súa presenza é moi minoritaria.

SUÁREZ LORENZO: Como dicía antes, creo que Galicia conta cunha posición privilexiada no eido das Tecnoloxías da Información. Temos algunhas das empresas máis importantes a nivel nacional en ámbitos como a sanidade ou a administración e contamos cunha situación estratéxica diante dos novos campos que están a aparecer. Penso que debemos continuar a apostar por atraer e reter talento, que é a verdadeira materia prima do sector, e para iso é fundamental un apoio un pouco máis decidido da administración pública. Debemos explorar as áreas que mencionas sen esquecer outras como a ciberseguridade o a creación de contidos dixitais, que tamén destacarán nos vindeiros anos.

"Está demostrado que o pensamento computacional axuda moito a estruturar o cerebro e á mellora na comprensión e na toma de decisións".

- En Estados Unidos a computación é unha asignatura básica en colexios, institutos e universidades. China tamén está incentivando os seus estudantes nesta materia para potenciar o seu desenvolvemento. Matemáticos, desenvolvedores de software e hardware ou físicos semellan os profesionais que decidirán o futuro do noso desenvolvemento. Estamos en Galicia, no ámbito académico e educacional, á altura dos retos que se plantexan?

GARCÍA TOBÍO: Creo que xa quedou respondido nas preguntas anteriores.

SUÁREZ LORENZO: Modificar os plans de estudo non é algo sinxelo, mais se están a dar pasos neste sentido e a todos os niveis, como demostra o Plan Abalar. Penso que a formación tecnolóxica é fundamental, pois vivimos nunha sociedade na que a tecnoloxía forma parte de todos os ámbitos da nosa vida (social, cultural, laboral, político,…) e canto antes saibamos manexala, máis vantaxes imos poder obter dela. Do mesmo xeito que nos nosos días se nos ensinaba física e química porque vivimos nun mundo onde os procesos físicos e químicos están presentes, hoxe en día tamén o están, e cada vez máis, os tecnolóxicos. Ademais, está demostrado que o pensamento computacional axuda moito a estruturar o cerebro e á mellora na comprensión e na toma de decisións, e por iso estamos a colaborar coa Consellería de Educación na formación en competencias de programación aos rapaces e rapazas. 

O meu director de tese, o catedrático Carlos Elías, di, por un lado, que “a importancia dun país hoxe mídese polo número de matemáticos por habitante, non polo seu PIB”, e que matemáticos, físicos ou programadores son os intelectuais do século XXI. Están de acordo?

GARCÍA TOBÍO: Non concordo de todo. Eu son un convencido da actividade “aberta e colaborativa” como clave para a evolución do coñecemento, a economía e, como consecuencia, o benestar social. A articulación dos mecanismos necesarios para compartir os achados científicos e infraestruturas de investigación xunto coa colaboración multidisciplinar e multi-institucional en actividades de I+D+i, son motores fundamentais da ciencia e a tecnoloxía. A ciencia non debe ter fronteiras. A repercusión do I+D+i na economía dun país penso que estriba na súaa capacidade de capitalizar e implantar de forma temperá produtos e servizos innovadores, resultado do I+D.

SUÁREZ LORENZO: Penso que nos séculos XIX e XX a posesión de rescursos naturais, maquinaria industria e materia prima eran a base da economía. Hoxe en día, na economía do coñecemento, o talento, as ideas, as capacidades e as actidudes son básicas, pódense compartir e resultan inesgotables. Nesta economía, os perfís técnicos son fundamentais para a competitividade e progreso dun país, polo que estou totalmente de acordo con esa afirmación

Que hai que ter para crear un Silicon Valley ou un centro de referencia mundial como o Massachusetts Institute of Technology?

GARCÍA TOBÍO: Creo que a participación activa do capital privado, en primeiro lugar, xunto co sistema universitario e as administracións públicas, son claves para á creación de nodos de coñecemento de prestixio internacional.

SUÁREZ LORENZO: Se houbese unha receita para iso, non estaríamos a falar dun único Silicon Valley ou dun único MIT. O que temos que pensar é cal é a nosa potencialidade e explotala, sabendo, como dicía antes, atraer e reter talento, pero tamén investimento. Temos que facer de Galicia unha comunidade atractiva para os investimentos en tecnoloxía e procurar un maior achegamento dos centros de talento ás empresas. A nosa comunidade é moi atractiva pola calidade de vida, e temos que saber potenciar aquelas áreas nas que tradicionalmente, somos punteiros: o naval, o téxtil, a automoción, a pesca… modernizándoas e facéndoas máis competitivas e innovadoras. 

"Gustaríame ver que o motor desta historia, a Enxeñaría en Informática, despois de moitos esforzos que estamos a levar a cabo, é unha profesión regulada".

Nun exercicio de imaxinación, que lles gustaría ver nun seguinte volume desta ‘Historia da informática en Galicia’?

GARCÍA TOBÍO: O CESGA foi ferramenta importante na concesión do primeiro premio Nobel galego.

SUÁREZ LORENZO: Persoalmente, gustaríame ver que o motor desta historia, a Enxeñaría en Informática, despois de moitos esforzos que estamos a levar a cabo, é unha profesión regulada.

NEIRA PEREIRA: Este libro é fundamentalmente unha guía ou un manual de consulta, onde todos os temas se abordan de xeito moi breve, pero parecíanos que era necesario ter un 'mapa' histórico e a partir de aí poder facer libros sobre períodos máis concretos, por exemplo as primeiras décadas logo da chegada do primeiro computador. Outro tema que semella moi interesante, previo á chegada da informática, é a introdución de sistemas de numeración e de unidades de medida en distintas épocas históricas, posiblemente daría ata para unha tese. O xeógrafo grego Estrabón, que tivo acceso a fontes moi anteriores á súa época, indica na súa 'Xeografía' que o río Miño era navegable nunha lonxitude de 800 estadios, isto quere dicir que o visitara alguén que empregaba uns determinados sistemas de medida, de numeración e de cálculo. Na época romana introdúcese un sistema de numeración que estivo vixente máis de 1.500 anos cando se quería representar os números sen escribilos como palabras. A numeración indoarábiga, aínda que seguramente xa era coñecida en Galicia no século XIII, non se emprega en documentos oficiais ata mediados do século XVI, logo de que a difusión da imprenta permitira unificar as grafías dos diferentes números, que ata entón se representaban de distintos xeitos en cada país.

Primeiros computadores dixitais da Universidade de Santiago de Compostela. Imaxe do libro 'Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía'
Primeiros computadores dixitais da Universidade de Santiago de Compostela. Imaxe do libro 'Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía' | Fonte: CPEIG.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta