Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2016 | Actualizada ás 16:15
Membros de Foro Galego participarán "maioritariamente" e de "forma individual" na asemblea promovida polos alcaldes de A Coruña (Xulio Ferreiro), Ferrol (Jorge Suárez) e Santiago (Martiño Noriega) no que se fixarán as primarias da candidatura de confluencia para as eleccións autonómicas deste outono e que, previsiblemente, será En Marea.
Así o explicou este sábado en declaracións a Europa Press o alcalde de Vimianzo (A Coruña), Manuel Antelo, durante a II xornada aberta de Foro Galego celebrada en Santiago, onde os participantes, analizaron a forma de confluír nun espazo "o suficientemente representativo" para conseguir o apoio "da maioría social" galega e "cambiar as políticas nefastas para Galicia do PP".
No encontro, no que se puido ver o exdeputado do BNG Carlos Aymerich, ao dirixente de Anova Antón Sánchez, á militante do Bloque Alba Nogueira ou ao membro de Cerna Mario López Rico, Antelo valorou a iniciativa dos alcaldes para "agrandar a base social e electoral" dunha marca -- --En Marea -- que, na súa opinión, "ten un éxito electoral claro" e na que entende que os nacionalistas poden "levar a cabo unha práctica política" e "defender as políticas necesarias para resolver os problemas do país".
E é que, segundo indicou, o "obxectivo principal" nestes momentos é "contribuír a derrotar ao Partido Popular" e "conformar un goberno para a maioría social en torno á base da marea". "Ese obxectivo pasa por apoiar, estar aí e formar parte da marea", indicou.
Con todo, explicou que como formar parte da confluencia é unha cuestión que "se está a perfilar" para volver poñer en valor a proposta feita polos alcaldes do 'cambio' de celebrar unha asemblea cun censo "novo" e na que a xente participe de forma "individual". "Entendemos que debemos participar os nacionalistas individualmente e defendendo as cousas que hai que defender", apuntou.
Precisamente, como puntos "fundamentais" de cara a esa asemblea, a maioría das persoas presentes destacaron a necesidade de que a metodoloxía sexa a de "primarias abertas, adscrición individual e censo dende cero" para "fuxir das dinámicas de grupo e colocar a unidade de acción como interese común, tal e como sinalou Foro Galego nunha nota de prensa ao termo da reunión.
ARTICULAR UN ESPAZO NACIONAL GALEGO
Na súa intervención, o rexedor de Vimianzo explicou que os relatores tamén falaron de "como facer despois das eleccións galegas" e "articular un espazo nacional galego", "un espazo no que o nacionalismo tenda a organizarse mellor e a seguir influíndo" na dirección do país.
Non obstante, precisou que esta cuestión se irá "definindo progresivamente" dado que, na súa opinión, agora é necesario centrarse "en falar do que importa á sociedade". "Non pode ser que queiramos apoiar un proxecto para a sociedade e nos centremos en falar de nós mesmos, iso entendo que non é moi coherente", considerou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.