Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2016 | Actualizada ás 14:04
O Consello da Xunta de Galicia aprobará este xoves o decreto definitivo do primeiro Catálogo de Paisaxes de Galicia, unha vez finalizado o proceso de exposición pública. Este directorio recoñecerá ata 258 tipos diferentes de paisaxe nas 211 áreas nas que o catálogo divide Galicia, que abranguen máis de 250.000 hectáreas. Así o anunciou este mércores o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na inauguración da xornada 'Diálogo coa paisaxe' na Cidade da Cultura de Santiago, nun acto no que estivo acompañado pola conselleira de Medio e Territorio, Beatriz Mato.
Deste modo, segundo indicou o presidente galego, este catálogo complementará outras iniciativas do ámbito normativo relativas á conservación do territorio como a 'Lei do Solo', o 'Plan de Ordenación do Litoral' ou a 'Guía de cores e materiais'.
O presidente galego resaltou a importancia de recoñecer a "diversidade" da paisaxe de Galicia por ser un "activo inmaterial de incalculable valor", que debe protexerse baseándose no "equilibrio e o diálogo" entre as partes implicadas.
Así mesmo, asegurou que a paisaxe é "un espazo vivo que transmite" o que é Galicia, ademais de ser a súa "maior carta de presentación ao mundo", polo que debe existir un marco normativo para que a construción e a actuación sobre o terriotorio se realice "baixo un criterio".
Por último, para Feijóo, o traballo de protección dos activos naturais "non se pode interromper, con independencia de a quen lle toque desenvolvelo".
"URBANISMO SOSTIBLE"
Antes, Beatriz Mato foi a encargada de abrir a xornada, nunha intervención na que apelou á "conciencia" do importante que é o "coidado da paisaxe e o urbanismo sostible", xa que algunhas rexións "padecen" as consecuencias do "urbanismo descontrolado".
Ademais, sinalou que a protección da natureza galega "non pode ser un freo ao crecemento económico e á creación de emprego", antes de engadir que o novo marco normativo para a protección do territorio situará a Galicia "no mapa".
ESTUDIO SOBRE A RÍA DE AROUSA
Tras a intervención dos responsables do Goberno galego, o arquitecto inglés David Chipperfield foi o primeiro en realizar o seu relatorio, centrado no impacto que tivo o desenvolvemento económico e urbanístico na paisaxe da Ría de Arousa.
Chipperfield, nacido en Londres, pasa as súas vacacións de verán dende hai 25 anos nas Rías Baixas. Xunto a un grupo de estudantes elaborou un estudio que analiza o urbanismo das localidades da Ría de Arousa, en concreto da súa parte norte, a bisbarra do Barbanza.
Así, entre as conclusións extraidas do estudio, o arquitecto inglés resaltou a "baixa calidade" dos edificios durante as décadas dos 60 e os 70, a grande cantidade de edificios inhabitados, a relación dos pobos co mar e a "economía da auga" ou o impacto do tráfico, coa construción de grandes vías de comunicación.
Así mesmo, Chipperfield tamén destacou a "insuficiente" protección que se lle brindou a "edificios históricos" das vilas mariñeiras, sen referirse ás "igrexas" ou outras construcións deste tipo, senón a outras "máis inocentes", ligadas ás realidades concretas destes lugares.
Para o inglés, o futuro debe ser concibido "para a semana que vén, non dentro de 20 anos" e enxalzou o "precioso tesouro" que alberga Galicia na súa paisaxe. "Algúns dos problemas (na paisaxe de Galicia) son irreversibles, outros non", concluíu Chipperfield.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.