Por Galicia Confidencial | Ourense | 28/07/2016 | Actualizada ás 09:10
A intervención arqueolóxica que durante o mes de xullo está a realizar o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo no castro de Armea, no concello ourensán de Allariz, entra na súa recta final e faino facendo un balance moi positivo dos resultados obtidos na campaña. Os traballos rematan deixando ao descuberto toda a zona do castro levantada nos anos 50 Francisco Conde-Valvís, abrindo novas áreas e realizando a datación da ocupación deste enclave. “Estamos ante un caso único en Galicia porque se trata dunha auténtica cidade romana, ocupada no século I e II, pero situada non na capital senón no rural”, apunta Adolfo Fernández, director da intervención.
Nos traballos levados a cabo no xacemento con financiamento do Concello de Allariz participa un equipo encabezado por Fermín Pérez, director do GEAAT e director científico do proxecto; o propio Adolfo Fernández, como director da intervención; tres arqueólogas predoutorais e un total de 20 estudantes de Historia procedentes de facultades de diferentes puntos da xeografía peninsular, ademais dos medios achegados polo concello. Este mércores o xacemento foi visitado por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Francisco García, alcalde de Allariz. “Este proxecto reúne todos os obxectivos desexables desde o punto de vista da universidade: é levado a cabo por un grupo de investigación, nel realizan prácticas alumnado noso pero tamén doutras universidades, estende á contorna a actividade universitaria e académica e é de utilidade para o territorio no que nos inserimos”, recalcou Virxilio Rodríguez durante a visita. “O xacemento está respondendo ás expectativas que tiñamos postas nel. Xa é un referente e un punto de atracción máis para Santa Mariña de Augas Santas”, sinalou o alcalde en declaracións recollidas por Rosa Tedín no DUVI.
ESCAVACIÓNS
Nesta nova intervención arqueolóxica no castro, informa Tedín, os arqueólogos conseguiron acadar o seu obxectivo de deixar descuberto todo sector Valvís listo para a súa musealización. Ademais, déuselle continuidade a este sector escavando novos espazos contiguos. Deste xeito, apuntan os arqueólogos responsables do proxecto, os traballos de campo centráronse en deixar completamente ao descuberto a “domus sur” ou “domus da roseta”, unha das casas grandes do xacemento, da que se identificaron dous atrios, un interior e outro exterior, columnas e lousado. Os arqueólogos tamén descubriron unha rúa diagonal que delimita esta casa grande da roseta polo sur na súa cota superior. Ademais traballouse nunha segunda casa grande, a chamada “domus norte”, que agora queda parcialmente descuberta e sobre a que se agarda continuar traballando en vindeiras intervencións arqueolóxicas, xa que é a “zona natural” pola que se intúe que continuaría a urbanización ata o outeiro que preside a zona.
Nesta segunda casa chegouse aos niveis máis antigos do xacemento co obxectivo de realizar a secuenciación da ocupación do castro. Deste xeito, sinala Adolfo Fernández, e á vista da información recadada, a ocupación do lugar comezou a inicios do século I, xa en época romana, vivindo unha temperá romanización. Posteriormente, a finais do século I, o espazo é “amortizado” para construír as grandes domus e a urbanización da auténtica cidade romana, cuxos restos actualmente perduran no xacemento. Finalmente, e tras vivir as casas unha evolución construtiva na que se foron engadindo novos compartimento e modificando os orixinais, o castro abandonaríase por completo a finais do século II. “Cada día avanzamos máis no descubrimento desta auténtica cidade de época romana. As casas, a urbanización, fálannos dun ambiente romano, dunha cidade romana clásica”, recalca o arqueólogo da Universidade de Vigo. Pola súa datación e ubicación, Fernández subliña como nesta zona se tivo que producir unha “romanización intensa e moi temperá” debido probablemente ao interese do imperio romano en controlar os recursos mineiros da zona.Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.