Temas: IGADI ELECCIóNS

O IGADI pide a todas as forzas políticas que se comprometan cunha política exterior para Galicia

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional lanza unha carta aberta a todas as formacións que se presentarán ás eleccións galegas para que aposten por incorporar nos seus programas unha acción exterior "ambiciosa".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/07/2016 | Actualizada ás 09:40

Comparte esta noticia

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, vén de facer un chamamento a todas as forzas políticas galegas que se presenten aos próximos comicios autonómicos para que asuman a importancia de desenvolver unha política exterior "ambiciosa".

Celebración do I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra
Celebración do I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra | Fonte: IGADI.

Nun chamamento titulado 'Autonómicas 2016: Carta aberta ás formacións políticas',  o IGADI convida ás formacións políticas a incorporar nos seus programas electorais reflexións e propostas en materia de acción exterior".

Este laboratorio de ideas advirte de que Galicia precisa de "instrumentos e iniciativas que faciliten o pleno desenvolvemento" dunha política exterior, e convida aos partidos e coalicións a afondar neste asunto nos debates e discursos da precampaña e campaña electoral.

Velaquí o texto completo:

Galicia vivirá proximamente uns novos comicios autonómicos. Á vista diso, quixeramos chamar a atención das formacións políticas concorrentes no proceso electoral sobre a importancia de incorporar nos seus programas electorais reflexións e propostas en materia de acción exterior.

Coidamos que Galicia dispón de capacidades abondo para garantir unha presenza no mundo conforme coa nosa identidade e intereses pero precisamos de instrumentos e iniciativas que faciliten o seu pleno desenvolvemento. Nas semanas previas a estes comicios debería estar presente este debate.

Reivindicamos a importancia de que Galicia conte cunha acción exterior ambiciosa. A acción exterior non é un malgasto; pola contra, é unha necesidade para o noso progreso e benestar colectivo. Apelamos a evitar a frivolización no tratamento da acción exterior, avogando por unha asunción responsable e construtiva desta política pública que, como as demais, debe estar pensada para satisfacer os intereses da maioría social.

Arelamos unha acción exterior entendida como un espazo de encontro das forzas políticas que garanta a súa continuidade en base á asunción dun catálogo mínimo de principios, estratexias e liñas de acción, e que potencie unha cultura de cooperación facilitadora das alianzas e as sinerxías.

Arelamos igualmente un modelo de xestión democrático e participativo que incorpore á sociedade galega no seu conxunto e a leve a contemplar o exterior como un espazo natural de proxección.

Arelamos unha acción exterior que renove ideas e conceptos e que teña en conta a Galicia na súa globalidade, mais aló do territorio e da diáspora, na nosa dimensión europea, nas posibilidades da nosa lingua e cultura, nas nosas universidades, nas nosas empresas e sectores produtivos, nas nosas entidades sociais en diversos campos.

Arelamos un esforzo racional de comprensión para asumir un maior compromiso cunha acción exterior centrada na defensa dos intereses de Galicia, que teña en conta e desenvolva as nosas singularidades, que explore as nosas posibilidades como ponte con diversas áreas xeopolíticas e xeo-lingüísticas.

Como nos demostran outras experiencias do noso entorno, os retornos dunha acción exterior implementada con rigor son inapelables. Ou aproveitamos o presente ou a ocasión pode malograrse. Cómpre recuperar impulso para situarnos en condicións máis favorables sendo leais con Galicia e a sociedade galega.

Temas: IGADI ELECCIóNS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta