Un acelerador de electróns médico para a USC na loita contra o cancro

O Centro Oncolóxico de Galicia e o Sergas ceden á Universidade de Santiago novo equipamento que permitirá garantir a exactitude das doses duns 30.000 tratamentos de radioterapia en España.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/09/2016 | Actualizada ás 10:28

Comparte esta noticia

O Laboratorio de Radiofísica da USC constitúe un importante activo universitario na loita contra o cancro e que agora se reforza cun acelerador de electróns médico que vén de ceder ao centro universitario o Centro Oncolóxico de Galicia e o Sergas. Este novo equipamento permitirá mellorar os servizos de calibración, ensaios de radiación e radioterapia animal que desde hai máis dun lustro centran a actividade deste laboratorio universitario.

Acelerador lineal de electróns
Acelerador lineal de electróns | Fonte: USC.

A acción contra o cancro que desenvolven na actualidade os investigadores agromados neste centro de investigación da USC, dirixido por Faustino Gómez, non é baladí. De feito, este grupo de investigación é responsable de supervisar e garantir a exactitude dosimética de arredor de 30.000 tratamentos de radioterapia nos hospitais españois, un factor de precisión que redunda nunha maior calidade e eficacia dos tratamentos.

A implicación do Labotorio de Radiofísica da USC nesta laboriosa batalla a prol da saúde humana e animal vén de hai tempo, tal e como o proba o feito de que esta instalación universitaria radicada en Santiago de Compostela constitúe o único laboratorio secundario de calibración para os servizos hospitalarios de radioterapia que conta coa acreditación da Entidade Nacional de Acreditación e Certificación (ENAC).

A calibración de servizos hospitalarios de radioterapia centra un dos principais cometidos que desenvolve o Laboratorio de Radiofísica da USC, segundo indicou Faustino Gómez, quen explicou que esta actividade abrangue tanto a análise e comprobación dos sistemas de medición das doses como a calibración dos equipos e instrumental científico.

O número de hospitais españois que confían ao Laboratorio de Radiofísica da USC a exactitude dosimétrica dos seus servizos de radioterapia cóntase por deceas, xa que este centro universitario compostelán e o do Laboratorio Nacional de Madrid son os únicos dous centros que realizan estas medicións. Daquela, resulta lóxico que a pegada desta plataforma tecnolóxica da USC non se circunscribe exclusivamente a Galicia, senón que se estende por todo o territorio español.

A implicación do Laboratorio de Radiofísica da USC na loita contra o cancro supera con creces esta dimensión de certificación ou control da precisión equipamentos científicos, pois, ademais doutras achegas científicas neste eido, o centro universitario compostelán tense convertido tamén na primeira instalación española que presta servizos de radioterapia animal.

O servizo de radioterapia para animas que realiza o Laboratorio de Radiofísica da USC desenvólvese en colaboración co Hospital Veterinario Rof Codina de Lugo, cuxos facultativos remiten os animais susceptibles de someterse a este tipo de tratamento. A casuística de mascotas que reciben este tipo de asistencia no centro compostelán podería cuantificarse en dous animais cada mes.

O laboratorio compostelán é, xunto con outra instalación de Córdoba, os únicos centros nos que se expiden tratamentos de radioterapia para animais, un campo no que a USC tamén é pioneiro e no que agarda aumentar nun futuro próximo o número de casos atendidos coa incorporación de tecnoloxía máis avanzada para o tratamento de cancros no sector veterinario, segundo indicou Faustino Gómez.

SECTOR AEROESPACIAL

O Laboratorio de Radiofísica da USC realiza tamén probas de resistencia á radiación de equipos e instrumentación do sector aeroespacial e está recoñecido como centro de ensaio neste ámbito pola Axencia Espacial Europea. A implicación do laboratorio compostelán e a súa contribución a este sector non é menor, como o constatan os seus traballos habituais con empresas punteiras do sector, tanto firmas nacionais como estranxeiras, entre as que se atopan o maior ensamblador de satélites de Europa e mesmo o CERN en Suíza. Cómpre lembrar asemade que o Laboratorio de Radiofísica da USC figura tamén entre os colaboradores da misión Rosetta, a sonda espacial lanzada pola Axencia Espacial Europea en 2004 e que aínda segue activa polo espazo.

Os ensaios de radiación supoñen o terceiro dos pés sobre os que xira a actividade do Laboratorio de Radiofísica da USC, segundo afirma Faustino Gómez. O cometido do centro universitario compostelán neste eido céntrase en testar a resistencia á radiación de compoñentes electrónicos e materiais para enviar ao espazo, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta