Por Lois Pérez Leira | Vigo | 21/09/2016
Tamén sinalei que o meu voto persoal irá ao BNG con todos os meus reparos. Sigo apostando “polo cabalo perdedor”. Aínda que o perdedor de hoxe ten que ser un factor fundamental para o día despois. Xa que é necesario reconstruír un polo patriótico e rupturita no noso país.
Ata o momento a campaña desenvólvese nun clima de desinterese por parte do electorado. Con candidatos que non ilusionan nin aos seus familiares directos. Coa excepción de Feijoo que ten unha experiencia gañada no seu exercicio do goberno cun electorado fiel ás concepcións conservadoras.
Mentres a Marea sen Beiras como actor electoral, conta con votos por inercia. Pouco ou nada o seu candidato, o xuíz Villares, se diferencia do candidato socialista. Parecen ser as dúas caras da mesma moeda. Moderación, legalismo institucional etc. Quizas sexa Ana Pontón quen se perfila mais ligada aos problemas de Galicia.
Malia todo ninguén reivindica o espazo da esquerda, nin os dereitos nacionais de Galicia. Todo queda no marco do autonomísimo, maiores competencias. etc.
Este panorama sinala claramente a crise de representación da esquerda nacional galega. Por iso o día despois é o que importa, cun goberno de maioría absoluta do PP ou un goberno do reformismo progresistas dos partidos do sistema.
Nós pensamos que é necesario refundar un espazo da esquerda rupturista e patriótica galega, que se de como obxectivo estratéxico a soberanía nacional e a república socialista galega.